O BNG pide que se esclareza o apresamento dun arrastreiro galego polas autoridades de Irlanda
Denuncia que pode tratarse dun “feito discriminatorio” e insta á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que tome cartas neste asunto
O pasado 11 de setembro foi apresado novamente un pesqueiro galego, nesta ocasión o arrastreiro Río Mau con base no porto de Vigo, por parte das autoridades irlandesas que o retiveron durante catro días con toda a tripulación a bordo no porto de Casteltownbere.
Segundo informaron ao BNG fontes do sector, o apresamento revela un proceder “dubidoso” pois as propias autoridades admiten que houbo un erro á hora de estimar as capturas de rape e rapante a bordo, pero o certo é que se trata do terceiro apresamento dun barco galego no que vai de ano.
Por iso, o Bloque traslada este feito ao Parlamento para que a Xunta inste ao Goberno do Estado a implicarse neste asunto e solicite unha inmediata petición de aclaración sobre o acontecido co arrastreiro vigués, e para que se investigue se estamos ante un feito discriminatorio atendendo a criterios da nacionalidade, ou se pola contra este modo de proceder das autoridades irlandesas se aplica as outras flotas de estados da Unión Europea.
Antes foron apresados o palangreiro de Burela Virxen da Blanca e o tamén palangreiro Mestre Bobicha, con armador de Ribeira e pavillón portugués. Ao igual que no caso do Rio Mau, o BNG considera que as presuntas infraccións non poden ser consideradas como algo grave, polo que resulta excesivamente rigoroso desviar a un barco a porto, rételo e impoñer sancións elevadísimas baixa a ameaza de que, en caso contrario, o caso sería resolto por un xurado popular sen concretar prazo.
Hai que lembrar que estas infraccións son sempre detectadas en augas xurisdicionais da UE, polo que Irlanda non ten un dereito exclusivo sobre elas, e tamén que a frota galega leva realizado un gran esforzo social e económico para adecuarse aos recursos. Se hoxe o Gran Sol ten un bo estado de conservación débese en gran medida a este sacrificio do noso sector, conclúe o BNG na súa iniciativa parlamentaria.