BNG pide a eliminación “inmediata” do xacinto de auga nas lagoas de Sanxenxo e no Rego da Trabe en Culleredo e impedir a súa proliferación
Na súa intervención, Rosana Pérez explicou que nas as últimas semanas véñense detectando en distintas praias do noso país cantidades importantes da especie vexetal, a Eichhornia crassipes, comunmente coñecida como “xacinto de auga, lirio acuático ou camalote”.
Ao parecer, dixo, esta especie depredadora procede de Portugal onde leva anos convertida nun importante problema e é especialmente perigosa pola “rapidez coa que se reproduce e polos graves efectos, mesmo mortais sobre outras especies”.
Segundo os propios técnicos, explicou a deputada, a súa eliminación só pode ser manual ou con maquinaria especializada, xa que doutro xeito produciría danos irreversíbeis no ecosistema e formas de vida autóctonas e consideran que a loita contra estas especies invasoras só ten dúas vías: “a existencia de protocolos ou plans preventivos e a actuación rápida no caso da súa aparición”. Estes factores levárona a seren incluída na lexislación española e europea como unha das “especies exóticas invasoras preocupantes e a prohibir a súa tenencia e comercialización”.
O propio Ministerio de Transición Ecolóxica, engadiu a nacionalista, recolleu no 2019 unha serie de ubicacións con alto risco de aparición da planta, entre elas algunhas áreas das provincias da Coruña e Pontevedra..
Tras a intervención da popular, Felisa Rodríguez que restou nocividade á especie e asegurou que en Galiza a súa presenza é testemuñal, a nacionalista lamentou que o Partido popular vetara a iniciativa do BNG para impedir a proliferación dunha especie que cualificou de “invasora e tóxica” e advertiu que a situación provocada polo xacinto de auga pode derivar en consecuencias aínda máis graves. Rosana Pérez negou que a especie só se propague en auga doce, como afirmou a portavoz popular, xa que esta especie, dixo, “xa apareceu nalgunhas praias do Barbanza e Salvora”.
Para a nacionalista o Partido popular continua sen tomar medidas preventivas para que a especie siga estendéndose e remate nun “grave problema” como xa está ocorrendo nalgunhas zonas do Estado español.