BNG pide elaborar un “novo Plan de emprego para a Mocidade”, acorde ás consecuencias da pandemia
O BNG leva á comisión de emprego que se celebrará mañá no Parlamento, unha proposición non de lei para elaborar un novo Plan de emprego para a Mocidade, en consonancia coas consecuencias da pandemia, nestes ámbito.
O deputado nacionalista, Paulo Rios pedirá dotar de orzamento o plan para dar saída a unha mocidade afectada gravemente pola temporalidade e precariedade laboral e en moitos casos en situación de ERTE.
O parlamentario considera que resulta inasumible para un país a destrución do emprego xerado pola pandemia e asegura que neste contexto tan desfavorable a mocidade é obrigada a emigrar para optar a un traballo nunhas condicións “menos precarias”. Neste sentido, lembra que na última década emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades entre os 16 e 54 anos das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos.
Para o deputado, a “mocidade galega vive unha “situación de emerxencia”, cunhas taxas de desemprego do 26,1% segundo a EPA do segundo trimestre do 2020, ao que sumou as dificultades para acceder a un primeiro emprego sobre para os mozos e mozas con titulación en Formación profesional ou universitaria.
Paulo Ríos, salienta que a mocidade accede a traballos con contratos temporais e con xornadas parciais, no ano 2020 “a mocidade galega asinou 118.000 contratos de traballo dos que só o 7,2% foron de carácter indefinido e o 90,6% contratos temporais” como reflicte o Instituto Galego de Cualificacións.
A iniciativa que defenderá o deputado Paulo Ríos, mañá na comisión 5ª buscará o apoio do resto dos grupos parlamentarios para poñer en marcha un “novo Plan de emprego para a Mocidade Galega” dotado coas partidas orzamentarias necesarias para desenvolver programas e accións que favorezan a creación de emprego xuvenil en condicións dignas e con salarios que permitan a súa emancipación.