BNG pide á dirección da CRTVG que cumpra a lei e se comprometa coa difusión da música en galego e a creación cultural
A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Olalla Rodil reclamou á dirección da CRTVG un maior compromiso pero sobre todo, “que cumpra a lei” sobre a difusión da música en galego e a creación cultural para facilitara o acceso á cultura da mocidade.
A nacionalista lembrou que recentemente, o proxecto socio-educativo “O son da nosa música”, fixo públicos os resultados dun estudo elaborado entre estudantes de 10 e 18 anos de Galiza no que preguntaba polas súas preferencias musicais. “O estudo reflicte que un 80% das persoas consultadas nunca ou case nunca escoita música en galego, máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego”.
O estudo, explicou Rodil, tamén describe as preferencias do alumnado indicando que a “rapazada galega escoita maioritariamente pop e reggaetón, en castelán e inglés e faino a través das plataformas dixitais, sobre todo , YouTube, Spotify e TikTok”.
A respecto das creadoras e creadores galego tamén reflicte as mudanzas nos hábitos de consumo no conxunto da sociedade pero moi especialmente entre as franxas de idade máis novas, así como a “exclusión da lingua galega da educación musical, tanto nas aulas, como fóra delas e nos medios de comunicación”.
Rodil tamén fixo referencia a resposta do Director Xeral da CRTVG a unha pregunta do BNG, en comisión, na que recoñeceu que a Radio Galega Música apenas difunde o 30% do seu tempo música galega e en galego, é dicir “de cada dez cancións, só tres”.
Ante esta realidade, a deputada preguntou ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo se o ente público está cumprindo “coa lei” e a súa misión de servizo público coa música galega e coa garantía do dereito de acceso da poboación, especialmente moza, á creación galega e en galego e se vai a adoptar algunha medida para garantir que a creación musical galega e en galego se difunda nos medios públicos deste país para seren coñecida e recoñecida tamén pola mocidade.
Ademais tamén se interesou polas medidas da CRTVG no ámbito dixital para favorecer o acceso á creación cultural e a difusión musical en galego.
Olalla Rodil recalcou que existe un gran potencial musical galego en diversos xéneros e fixo especial mención ao grupo Tanxugueiras, candidatas ao Festival de Eurovisión, cunha canción en galego.
Tras a intervención de Sánchez Izquierdo que cualificou o apoio da CRTVG a música galega de “moi razoable” a deputada nacionalista recalcou que a CRTVG “non está cumprindo a súa misión de servizo público” na difusión musical e cultural e criticou que o director xeral utilizara algúns exemplos que xa non existen como o programa Medio Bolo, en analóxico e dixital, e mesmo xustifique que agora está parado pola pandemia cando en realidade, dixo Rodil, “gravaron o programa no ano 2018 e 19 e a pandemia comezou no 2020”.
As circunstancias da COVID 19, explicou non impediron continuar coas programacións en directo e asegurou que de igual maneira as gravacións tamén se poderían levar a cabo, aínda que fora noutros espazos. Neste sentido preguntou que pasa tras a transformación do Estudo 5 como espazo multiplataforma cara a dixitalización, cuestión que o Director xeral da CRTVG eludiu responder.