O BNG pide a dimisión de Rocio Mosquera ante o colapso nos servizos de Urxencias

Montse Prado: " È indecente acusar á poboación do caos na Sanidade".A nacionalista volveu pedir hoxe a dimisión de Rocio Mosquera pola alarma e deficiencias na asistencia sanitaria

 A deputada do BNG, Montse Prado volveu pedir hoxe a “dimisión” ou cese da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera ante o “caos na asistencia sanitaria” detectado estes días provocado polos recortes de medios humanos e materiais para atender a doentes con gripe.

Montse Prado considerou que Galiza vive unha alarma nos servizos de urxencias ante o brote de gripe, é obvio, explicou que os brotes non se poden evitar pero “a xestión pode ser diferente á realizada polo Partido popular”.

A parlamentaria loubou o traballo d@s profesionais da sanidade que, “están a salvar a situación” e volveu cargar contra as intencións do Partido popular derivando doentes á sanidade privada a través do peche de recursos para a sanidade pública. “ Demandamos de Núñez Feijóo que cese a conselleira porque a estas alturas xa non sabemos que máis ten que pasar para que o presidente tome esa decisión.”

O persoal sanitario presenta denuncias ante  a Xustiza 

Prado reclamou “un cambio de rumbo na xestión” da sanidade pública galega como tamén reclama o persoal sanitario, tanto en manifestacións multitudinarias e denuncias como a presentada, hoxe mesmo, ante a Fiscalía pola Xunta de Persoal da Coruña por “posíbeis danos aos doentes”.

"Con menos non se pode facer máis"

A redución do 6% do persoal, unha rebaixa do orzamento do 12%, e o peche de 300 camas provocan, afirmou, os “colapsos” de todos os servizos de Urxencias en Galiza por moito que o tenten “minimizar” dende Sanidade. Ese mantra do PP “con menos facemos máis” contradicese cos pacientes en padiolas e cadeiras nos corredores dos hospitais, amoreados nas salas de espera e agardando horas para ser atendidas e trasladados á planta.

A nacionalista salientou o “estres” dos profesionais e doentes, a conselleira pode seguir defendendo que a calidade asistencial é a mesma pero todos e todas sabemos que “con menos non se pode facer máis”. Nesta liña, engadiu, todos os días chegan queixas dos doentes e dos profesionais da sanidade. Hai falta de intimidade e confidencialidade, non de “confortabilidade” como apuntou a conselleira. Resulta “indecente e inhumano” tratar así as persoas, recalcou.

O BNG pide un protocolo ante os picos de gripe

A previsión dos brotes de gripe debe contar cun protocolo que determine como facerlle fronte.Dende o BNG pedimos nas nosas iniciativas inicialo co fin de determinar as datas e instrumentos necesarios para combater os picos desta doenza. A solución, dixo, non é unha vacinación masiva, a solución é “reforzar a atención primaria, diminuír as listas de espera e abrir as unidades de hospitalización” ademais de: dimensionar as plantillas, eliminar a taxa de reposición, que supuxo a perda de 3.000 profesionais en catro anos, e abandonar a mentira do Partido popular de que “con menos fai máis”.

Finalmente, a parlamentaria anunciou que o BNG pedirá explicacións das actuacións realizadas por Sanidade para evitar o “colapso” sanitario.