O BNG pide a dimisión do director da CRTVG pola manipulación do ente público que denuncian @s profesionais
Olalla Rodil critica que @s galeg@s se vexan obrigados a financiar con 100M€ uns medios públicos convertidos en aparatos de propaganda de Feixóo Advirte que Sánchez Izquierdo leva 6 anos an dirección vulnerando a lei
A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, aproveitou a comparecencia do director da CRTVG na comisión de control da Cámara para instar a Alfonso Sánchez Izquierdo a presentar a súa dimisión como responsable último da manipulación do ente público, que denuncian de xeito sistemático tanto os e as profesionais como os grupos da oposición.
Manipulación que está detrás da dimisión dun presentador e dunha presentadora dos informativos da TVG, “paso extremo que só se da cando o ambiente é irrespirable e o control impide facer información obxectiva, plural, neutral e independente”, salientou. Rodil, -vestida de negro por ser a cor que locen @s profesionais dos medios públicos (tamén na RTVE) para denunciar a manipulación-, lembrou tamén as protestas que fai o persoal cada martes, xoves e venres.
A deputada do Bloque considera que os 100 millóns de euros cos que os galegos e as galegas financian do seu peto a CRTVG sería unha cantidade asumible “se a radio e a televisión públicas contribuísen a promover e difundir a lingua e a cultura galegas, a fomentar a produción audiovisual propia, a reflectir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galiza, se promovesen a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a neutralidade informativa, o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural”, enumerou. En definitiva, se cumprisen cos obxectivos previstos na lei de creación da radio e televisión públicas.
“O problema é que a RTVG, en particular nos servizos informativos, adicase a crear unha realidade paralela de exaltación do Goberno, especialmente das idas e vidas do presidente da Xunta, que vendo os informativos poderían chamalo Feixóo o infalible”, ironizou.
“Temos a impresión cando revisamos os contidos dos informativos que os fai a secretaría de Medios da Xunta, -Mar Sánchez Sierra-, que é como dicir a secretaria de comunicación de Feixóo”, denunciou, “pero ese labor correspóndelle á dirección en colaboración cos profesionais da CRTVG, non en contra deles, velando escrupulosamente polo servizo público”.
Rodil considera que por “honestidade” Sánchez Izquierdo debería presentar a súa dimisión como máximo responsable da manipulación da radio e televisión públicas, pero tamén polo feito de que leva seis anos ocupando o seu cargo vulnerando a lei.
Reprobación dun cargo nomeado a dedo e seis anos vulnerando a lei
“Un cargo no que foi posto a dedo en 2009 e no que se mantén sine die a pesar de que a Lei di que a persoa responsable da Dirección Xeral da CRTVG ten que ser nomeada por 2/3 deste Parlamento. Iso tiña que ter acontecido 6 meses despois de ter entrado en vigor unha lei que foi aprobada hai 7 anos”.
Ademais, tampouco se ten creado o Consello de informativos (artigo 36 da Lei). “Un órgano de participación dos profesionais encargado de velar, precisamente, pola independencia, pola veracidade e a obxectividade dos contidos informativos”.
“A razón de existir dos medios públicos, que xustifica o investimento de 100 millóns de euros, é informar do que acontece neste país, facelo desde a pluralidade, a obxectividade e a veracidade. Facelo con criterios de equidade territorial permitindo acceder a información de proximidade. Promover a lingua deste país, a cultura galega. Cumprir e garantir a misión de servizo público que ten a CRTVG, e vostede non o fai. Por iso, o BNG vai pedir a súa reprobación, aínda que o honesto sería que presentase a súa dimisión”, concluíu.