O BNG pide a dimisión do director de AGADIC tras anunciar a supresión da dirección do Centro Coreográfico galego
A deputada e portavoz de cultura do BNG, Olalla Rodil reclamou hoxe, publicamente, a dimisión de Jacobo Sutil como director da AGADIC tras anunciar a supresión da figura da dirección do Centro Coreográfico Galego. Para a nacionalista, este anuncio é a pinga que fai rebordar a cunca e por unha cuestión de dignidade debe dimitir. “Pedímoslle que dimita e peche este ciclo de dez anos lamentábeis de demolición dos sectores profesionais da cultura galega” afirmou.
A deputada denunciou a xestión cultural do Partido popular iniciada hai unha década atacando a lingua galega co decreto -eufemisticamente denominado de plurilingüismo- e despois de dez anos continua desmantelando, “centro a centro, programa a programa e a cultura no noso país”.
O PP é unha brigada de demolición para a Cultura galega
É moi importante, dixo, facer memoria, analizar onde estabamos hai dez anos e como estamos agora. Cando chegaron, hai dez anos existía unha Axencia Galega de Industrias Culturais recén creada cun enorme potencial. Contábamos cun Plan Galego de Artes Escénicas aprobado e consensuado co sector, unha Axencia Audiovisual Galega referente no conxunto do Estado e da que naceu todo o novo cinema galego que tantos éxitos nos está a dar. Un Centro Coreográfico Galego que en 3 anos foi motor de creación e formacion no mundo da danza. Un Centro Dramático galego con liñas de traballo novedosas e diversificadas, unha Rede Galega de Teatros e Auditorios cos mellores resultados de programación da súa historia. E en dez anos, desmontaron todo, absolutamente todo. Só lles podemos pedir unha cousa: “Que marchen canto antes. Que dimitan canto antes”.
O Centro Coreográfico é só un exemplo da política de desmantelamento dos sectores culturais galegos que leva desenvolvendo durante 10 anos o Goberno de Feixóo.
Estes 10 anos serán recordados na cultura galega como a “Década Escura”, asegurou Rodil. Dez anos de asfixia económica que non cesa como evidencian os recortes en 2020 ao orzamento do Centro Dramático (-250mil euros, o 40%), o Coreográfico (-100 mil €, o 66%) e o CGAI (50mil euro menos). Neste sentido, engadiu que o PP baleira os orzamentos da cultura para “engordar os do espectáculo turístico xacobeo” e recortan o diñeiro que debería ir destinado aos sectores culturais para seguir e”ngordando a Axencia de Turismo e o Xacobeo”.
Dez anos, recalcou a deputada, de “reformas de costas aos sectores culturais, sen diálogo e sen consenso, como vimos co novo estatuto da AGADIC”.
É insoportable e inadmisible o ataque constante do Partido Popular o todo o que representa o potencial creativo e a identidade propia de Galiza, remarcou.
A produción cultural galega -os sectores profesionais do audiovisual, da música, do libro e da edición, das artes escénicas- deben ter no Goberno galego un piar esencial de apoio e complicidade, para garantir que somos unha cultura con capacidade de producir contidos de calidade e de ter discurso cultural propio, unha mirada propia.
Exiximos responsabilidades pero tamén un cambio de rumbo nas políticas porque a cultura é un sector que xera riqueza, o 2% do PIB do noso país, pero a cultura é sobre todo un dereito e desde o BNG non imos permitir que lle sexa negada ás galegas e galegos.
Galiza necesita abrir un tempo novo tamén na súa política cultural e deixar atrás a década negra de Feixóo porque a cultura é un dereito pero tamén un orgullo. Pedimos a “dimisión de Jacobo Sutil e que non prolongue o ridículo”.
Como “xefe da brigada de demolición”, pedímoslle que faga un xesto digno e que recoñeza que é inviábel unha AGADIC cos orzamentos de 2020.