O BNG pide a dimisión de Agustín Hernández e convoca á cidadanía a se manifestar contra os lumes

A dirección do Bloque Nacionalista Galego quere manifestar hoxe o seu fondo pesar pola destrución do Monte Pindo nun incendio aínda non extinguido, que vén sumarse aos de Negreira, Porto do Son e a Fonsagrada, e que devorou, só nun día, máis de mil hectáreas. Tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer polo que o BNG pide a “dimisión inmediata” do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Todo isto acontece despois dun agosto inzado de incendios cun incremento importante de niveis 1 e con serio perigo para a poboación pola proximidade a núcleos habitados, en que en ocasións foi a propia veciñanza a que tivo que impedir que o lume chegase ás casas.

Fronte a esta situación dramática, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, comparecía hai poucos días no Parlamento para afirmar, como se dunha burla se tratase, que "o dispositivo funcionaba perfectamente". O BNG emprázaa, a ela e ao presidente da Xunta, a daren explicacións públicas de en que consiste ese bo funcionamento e que van facer para paliar as consecuencias desta catástrofe.

O Bloque Nacionalista Galego leva tempo denunciando a falta dunha política forestal galega por parte do PP, que eliminou importantes medidas que se puxeran en marcha para a prevención e desenvolveu unha política de recortes nos servizos públicos cuxas consecuencias estamos a padecer. A política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente. Cómpre, especialmente, controlar as terras agrarias e aplicar unha política de reactivación da actividade socioeconómica neste ámbito.

A pesar do intento do PP por nos convencer de os dispositivos funcionaren perfectamente e de practicaren unha compracencia demagóxica, desgrazadamente, a realidade contrasta con aquilo que as galegas e os galegos estamos a ver, con auténtica desolación e cos nosos propios ollos, un día si e outro tamén.

Por iso, para nos solidarizarmos coa veciñanza afectada, para denunciar esta inmensa perda e exixir unha mudanza nas políticas de prevención e de extinción de lumes, o BNG convoca hoxe a cidadanía a se manifestar nas principais cidades do país. As concentracións que neste momento están xa en marcha (e que esperamos que se incrementen) son as seguintes:

 

Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toral

Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco

Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta

A Coruña, 20:00h, no Obelisco

Verín, 20:00h., diante do Concello

Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta

Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno