O BNG pide diálogo á Xunta co profesorado galego para recuperar os dereitos perdidos
A portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil defendeu unha iniciativa que pide diálogo á Xunta de Galiza e, concretamente, á Consellaría de Educación co fin de acadar un acordo co profesorado galego para recuperar o horario lectivo de 18 e 21 horas. O obxectivo da proposta é que as persoas docentes conten con “tempo abondo para facer ben o seu traballo”.
A nacionalista tamén reclamou recuperar dereitos “despois dunha década de recortes”. Dez anos no que o Partido Popular en Galiza destacou como “alumno avantaxado”.
A Xunta de Galiza, explicou Rodil, incrementou en 2011 o tempo que o profesorado debe estar na aula. Oito anos nos que o Partido Popular incumpriu e deixou en papel mollado o acordo asinado polas organizacións sindicais en 2007 provocando a perda de dereitos para o profesorado, empeoramento das súas condicións de traballo e a merma da calidade do ensino.
Deficiencias no ensino
Ademais de menos profesorado, engadiu, contamos con aulas saturadas nas áreas urbanas e periurbanas, nun país cunha enorme dispersión poboacional e profundos desequilibrios entre o interior e o eixo atlántico. Comparar a realidade de Vigo, Coruña, Navia de Suarna ou Meira é igual que tapar o sol cun dedo.
O alumnado cada vez é máis heteroxénero e diverso e dende o BNG damos a E benvida a esa diversidade pero é preciso cubrir as necesidades de apoio e os recursos para o profesorado. Isto, dixo Rodil, non é unha opinión do BNG, está recollido no Informe de Atención á diversidade no ensino básico elaboradro polo Instituto de Ciencias da Educación da USC. Informe encargado polo Consello Escolar de Galiza e publicado, hai apenas uns días.
O devandito informe conclúe que o 60% das persoas entrevistadas consideran escasos e insuficientes os recursos destinados para atención á diversidade pero tamén destaca a sobrecarga horaria do profesorado e falta de tempo para a coordinación. Neste sentido, cita como principais obstáculos para desenvolver en mellores condicións as tarefas de apoio educativo.
Dende hai anos,as s organizacións sindicais reclaman un novo reparto horario que devolva ao profesorado as 18 horas lectivas en Secundaria, Formación Profesional e Ensinanzas de réxime especial, e as 21 horas en Infantil, Primaria e Educación especial precisamente para “atender mellor e de maneira máis personalizada ao estudantado”.
O profesorado non quere traballar menos, quere ter o tempo para o alumnado
Explicábao perfectamente o día da folga do 12 de decembro un docente: “Non quero traballar menos, quero máis tempo para guiar e revisar o traballo do alumnado como necesita e merece”. Máis tempo para poder atender a nais e pais da titoría e para a coordinación co resto do departamento. “Necesito poder traballar máis co alumnado con dislexia, con TDAH, con adaptación curricular ou que non naceu en Galiza e que necesita adaptación ao seu ritmo e nivel na aprendizaxe da lingua.
Para atender 161 estudantes, coas súas realidades, necesidades, especificidades, motivacións, niveis e intereses, “necesítase tempo” e ratios máis baixas.
O que reclama o profesorado, reiterou a portavoz de educación do BNG, é que lle devolvan os dereitos e mellorar a calidade do sistema educativo. “Unha decisión que é competencia exclusiva do Goberno galego”.
BNG demandou do Parlamento instar á Xunta a exercer o autogoberno e abrir “de maneira urxente” unha mesa de diálogo coas organizacións sindicais para reparar o horario lectivo de 18 e 21 horas.
O grupo maioritario do Partido popular impediu que a proposta do BNG prospera.