BNG pide desenvolver o Estatuto das Mulleres do rural, á marxe da lei de Igualdade e con recursos económicos propios
Carme Aira insistiu na titularidade compartida das explotacións e un estatuto que recolla a realidade social, económica e laboral das mulleres do rural
Lamentou que o PP votara en contra de ampliar o Estatuto recollido no Proxecto de lei de Igualdade e diferenciando os ámbitos do rural e o mar
A deputada do BNG, Carme Aira defendeu no Parlamento galego desenvolver o Estatuto das Mulleres do rural, á “marxe da Lei de Igualdade” e con recursos económicos propios.
Ademais, a nacionalista tamén reclamou a titularidade compartida das explotacións para acadar a igualdade no medio rural porque “sen independencia económica”, dixo, esta igualdade resulta imposible.
Na súa intervención, a nacionalista apelou a un Estatuto das mulleres rurais, diferenciado do Estatuto das mulleres do Mar co fin de vertebrar o estudo, diagnóstico e posta en marcha de medidas para a mellora da calidade de vida das mulleres que habitan o rural, tanto no relativo a aspectos persoais, sociais, como de habitabilidade ou laborais, independentemente do sector no que realicen as súas actividades.
Para isto, recalcou, o Estatuto debe “manter unha identidade propia fóra da Lei de Igualdade” e contar cunha memoria orzamentaria que permita establecer un cronograma realista para a realización de estudos e diagnóstico da situación actual, e establecer as medidas para abordar as diferentes problemáticas derivadas dos propios estudos.
Por outra parte, considerou imprescindible a participación coordinada da Consellerías de Medio, Emprego e Igualdade, Observatorio das Mulleres do Rural e o Observatorio Galego da Violencia de Xénero co fin de analizar os aspectos sociais, económicos e laborais que afectan á vida das mulleres no medio rural.
A xuízo da nacionalista, o Estatuto das mulleres do rural representa unha oportunidade para mudar o actual panorama do rural “hipermasculinizado”. Son 13 páxinas, dixo que non inciden “con determinación” nas diferentes problemáticas das mulleres no rural “nin se nomea a violencia de xénero de xeito específico, aínda que todo o proxecto de lei é pobre neste sentido, pero parece que no esperado Estatuto procedería dedicarlle un bo espazo, criticou.
Nesta liña, lembrou que recentemente, na Comisión parlamentaria de Agricultura foi aprobada unha iniciativa sobre medidas para combater a violencia de xénero no rural que incluían dende un estudo galego ata o establecemento de medidas para a súa erradicación, polo que preguntou se realmente, o Partido popular ten vontade política para enfrontar esta situación. Tampouco se mencionan as situacións de illamento e soidade, o papel dos coidados e a corresponsabilidade, nin o enfrontamento das dificultades para a vida que supoñen as situacións de discapacidade das mulleres ou as dificultades para o acceso ao mundo laboral.
A deputada cualificou o texto do Estatuto de “escaso e inconcreto” e de desdibuxar a verdadeira realidade das mulleres no medio rural e reclamou “cambios estruturais profundos que modifiquen e melloren as súas vidas”.
A parlamentaria do BNG lamentou que, unha vez máis, o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista para ampliar o carácter e contido do Estatuto das mulleres do rural e do mar que recolle o texto do Proxecto de lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galiza, “diferenciando os ámbitos e dotando o Estatuto das mulleres do rural de recursos económicos”.