BNG pide desautorizar os proxectos eólicos Anduriña e Zudreiro no concello de Moraña polo impacto negativo sobre os valores culturais, turísticos e hídricos
O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará lamentou que unha vez máis, o Partido popular ampare os proxectos enerxéticos que se están a tramitar no Monte Acibal que responden a “unha lóxica depredadora e á voracidade de grandes empresas enerxéticas para obter o máximo lucro” en detrimento das persoas que viven no territorio e das expectativas e potencialidades da zona.
Estas empresas, explicou, son abandeiradas do espolio enerxético en Galiza e non buscan unha transicións xusta nin o desenvolvemento local sustentable, por iso, dende o BNG pedimos “denegar a autorización dos proxectos eólicos Anduriña e Zudreiro promovidos pola empresa Green Capital no Monte Acibal por tratarse dun caso evidente de fragmentación irregular de proxectos e polo forte impacto sobre os usos residenciais, valores culturais e turísticos, recursos hídricos e ambientais da zona”.
A iniciativa defendida polo nacionalista e rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular e a abstención do PSOE, tamén incluía desenvolver as actuacións necesarias para garantir a protección dos valores ambientais e culturais do Monte Acibal, os humidais, patrimonio cultural, hábitats e especies protexidas, zona de campeo do cabalo do monte e da tradición da Rapa das Bestas.
Luis Bará solicitou Iniciar os trámites para a inclusión das Brañas da Amil e das turbeiras do Acibal no Rexistro de Zonas Húmidas de Galiza, “paralizando de forma cautelar e preventiva todos os proxectos que poidan afectar a estes ecosistemas de transcendental importancia para a conservación da biodiversidade e a prevención do cambio climático”.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista mostrou unha porción de turba para explicar como este material resulta un excelente produto para a agricultura, horticultura e silvicultura, ademais do seu emprego como substrato de cultivo. Bará asegurou que a turba resulta necesaria para combatir o cambio climático ademais de depurar as augas residuais nos montes.
A Xunta está a tramitar os polígonos industriais eólicos Anduriña e Zudreiro, no Monte Acibal, promovidos pola empresa Green Capital. O polígono eólico Anduriña cunha potencia de 41.4 MW, 9 aeroxeradores de 4,6 MW e 200 m de altura, e unha poligonal que afecta aos concellos de Barro, Campo Lameiro, Moraña e Pontevedra.
O polígono eólico Zudreiro con potencia de 23 MW, 5 aeroxeradores de 4.6 MW de 200 m de altura, e unha poligonal afecta aos concellos de Moraña e
Campo Lameiro.
Os dous proxectos están situados na mesma zona, un a continuación do outro, comparten subestación e liña de evacuación, “polo que estamos diante dun caso claro de fragmentación irregular”.
Estes dous proxectos teñen tamén relación directa, en canto ás infraestruturas de evacuación e conexión á rede, con otros proxectos promovidos pola mesma empresa:
LMT Parque Eólico Zudreiro á Subestación Parque Eólico Anduriña, Liña de Alta Tensión Anduriña-SEC Parque Eólico Coto Aguado (Cerdedo-Cotobade). O deputado reiterou que todas infraestruturas terían un forte impacto no territorio e “deberían ser tramitadas e avaliadas conxuntamente”.
O polígono industrial eólico conformado polos proxectos Acibal, autorizado polo Consello da Xunta, Anduriña e Zudreiro “non está debidamente xustificado en
canto ao seu interese público e tería unha incidencia moi negativa “nos usos residenciais do territorio e núcleos de poboación da contorna, tanto na fase de construción como de funcionamento” ademais de sobre os hábitats, declarados de interese prioritario e interese comunitario, nas breixeiras, matogueiras e turbeiras do Monte Acibal, e nas Brañas da Amil.
Bará tamén sumou a afectación dos proxectos eólicos sobre a paisaxe, patrimonio cultural cun gran número de xacementos arqueolóxicos e a zona de campeo do cabalo de monte,” unha especie de alto interese ambiental e cultural, que cumpre unha función esencial na preservación de hábitats de interese como as breixeiras e brañas, e na prevención dos incendios”. A xuízo do nacionalista, os hábitats veríanse fragmentados e alterados polas obras de construción dos proxectos. Ademais, tamén se referiu a celebración dos Milagres da Amil, “unha festa relixiosa e popular de grande raigame e participación masiva” que se vería afectada moi negativamente polos eólicos.
Bará rematou a súa intervención anunciando que o BNG continuará defendendo os valores do monte Acibal e reclamando un proceso de información e participación pública, coa participación de concellos e entidades sociais, para acordar as liñas de desenvolvemento socioeconómico e compatibilidade de usos do territorio porque os proxectos enerxéticos que se están a tramitar, sentenciou, “son contrarios ao desenvolvemento local sustentable”.