BNG pide crear un novo partido xudicial na Mariña Oriental cun xulgado de Instrución e Primeira Instancia con sede en Ribadeo
O portavoz de Xustiza do BNG, Iago Tabarés defendeu hoxe unha proposta no Parlamento galego para crear un xulgado de Primeira Instancia e Instrución con sede en Ribadeo co fin de “aliviar a carga de traballo dos colapsos nos xulgados de Viveiro”, así como reorganizar as demarcacións xudiciais da Mariña coa creación dun partido xudicial na Mariña Oriental.
Na súa intervención, salientou a importante saturación rexistrada no partido xudicial de Viveiro que acolle a entrada de asuntos de carácter civil, algo, dixo, que non é “episódico” xa que o número de entradas en anos anteriores, tamén supera o módulo establecido polo Consello do Poder xudicial.
Tabarés lembrou que o deputado do BNG, Dani Castro defendeu unha proposta na Cámara galega para trasladarlle ao goberno central a necesidade de dotar á Mariña dunha nova unidade xudicial. A xustiza, enfatizou o nacionalista, “non pode ser lenta” e a administración xudicial debe ser “accesible” á cidadanía, “tamén á de Ribadeo”.
É o momento de reparar unha “vella demanda social” para racionalizar e restaurar a demarcación lóxica e tradicional. Neste sentido, apuntou que establecer o partido xudicial de Ribadeo suporía axilizar o funcionamento da xustiza e evitar suspensións, ou prexuízos aos autónomos e autónomas e a pequenos empresarios que deben acudir a vistas para asuntos tan nimios como ratificar facturas.
Crear o novo partido xudicial con sede en Ribadeo e un xulgado de Primeira Instancia e Instrución permitiría unha distribución máis equitativa en función da poboación e número de asuntos. Unha demarcación de Ribadeo, Barreiros, A Pontenova e Trabada, e Foz integrado no Partido xudicial de Mondoñedo, liberaría gran parte da carga de asuntos do partido de Viveiro e axilizaría o funcionamento da xustiza en toda a Mariña lucense, explicou.
Tabarés destacou que Ribadeo medra en poboación e actividade económica e a nova demarcación xudicial redundaría nunha comarca necesitada de dinamismo e unha resposta a unha reivindicación social manifestada no ano 2003. Entendemos, dixo, que dende Galiza dánse todos os requisitos para reclamar unha modificación da lei de planta e demarcación xudicial para que a Mariña oriental poda contar cun “partido xudicial propio”.
O PP no Parlamento emenda á Xunta
Pola súa parte, o portavoz popular, Pazos Couñago restou importancia aos “colapsos xudiciais en Galiza” e presentou unha emenda de substitución ao texto nacionalista que o deputado do BNG cualifico de “emenda á propia Xunta” pois recollía que o Parlamento inste á Xunta a defender ante o Ministerio de Xustiza os intereses e a demarcación máis beneficiosa para os galegos e galegas. A min dixo o deputado do BNG, “ese recordatorio pareceríame ofensivo”.
Couñago avanzou que de non ser aceptada a emenda popular, o grupo maioritario do PP non apoiaría a proposición non de lei defendida polo deputado, Iago Tabarés.