O BNG pide que a conexión da vía Ártabra coa a AP-9 non siga o trazado pola Gándara e sexa libre de peaxes
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu unha proposición non de lei para reclamar que a “conexión da vía Ártabra coa AP-9 non siga o trazado pola Gándara e sexa libre de peaxes”.
O parlamentario reclamou “paralizar as obras” para que o trazado recupere “a lóxica, o respecto ao medio ambiente, non afecte ás vivendas nin a actividade económica pola imposición de peaxes”.
Na súa intervención, lembrou que no ano 2009, a Xunta de Galicia acordou a aprobación definitiva do proxecto do trazado, sen atender ás alegacións nin o documento coas determinacións descritas no Plan Sectorial Viario. A escusa, naquel momento, explicou Rivas, foi que “Fomento non permite a conexión libre de peaxe”. No mes de maio, o concello de Cambre presentou un recurso de reposición que a día de hoxe continua sen resposta, “dez anos despois”.
Despois da presentación de diversas mocións, iniciativas parlamentarias e acordos dos alcaldes da área metropolitana, a finais do de mes de febreiro do ano 2019 foron presentadas oficialmente as obras do novo tramo da Vía Ártabra.
Tras ser licitado o tramo, entre a Nacional VI e a AP-9 por 40 millóns de euros e cun prazo de execución de 36 meses, a presentación de ofertas finalizou o 1 de abril dando comezo as obras no verán.
O goberno Galego, engadiu o deputado, decidiu realizar o trazado en dúas fases: Un tramo entre a N-VI e a AC-221 de 3kms máis o enlace co polígono do Espírito Santo de 1km e outro modificado entre a AC-221 e a AP-9, á espera da autorización do Ministerio de Fomento.
A primeira fase xa licitada e executándose, a segunda fase, o tramo da Gándara, sen licitar pero con máquinas traballando, facendo “talas, desbroces e traballos múltiples” aínda sen licitar e sen o debido permiso de Fomento nin acordo preceptivo con AUDASA”.
Para o nacionalista, o Goberno Galego está actuando de “maneira irregular” e de maneira contraria aos intereses dos cidadáns. O trazado proposto polo concello de Cambre e defendido polos veciños, afirmou, é “máis curto, só afecta a tres vivendas e non destrúe espazos naturais”. O que propón o goberno Galego implica o derrube de 44 casas , é mais longo e dana gravemente as gándaras da Gándara.
O parlamentario preguntou porqué o Goberno Galego aposta por un trazado amplamente rexeitado pola veciñanza e cunha segunda fase que non conta co permiso de Fomento nin acordo con AUDASA, polo menos de maneira visible aínda que moito nos tememos, dixo, que o “tal acordo xa existe coa concesionaria da AP-9”.
Xosé Luís Rivas acusou á Xunta de non articular a mobilidade da Área Metropolitana da Coruña e de “ amasada e estraña confraternidade con AUDASA”. Sen permiso de Fomento, sen acordo público con AUDASA, “de xeito indecente”, vostedes van levar adiante unha modificación “ilóxica e lesiva do proxecto”.
É se Fomento no dá permiso? É se Audasa non acorda? Os diñeiros investidos nun tramo morto que os vai repoñer?, concluíu.