O BNG pide a comparencia urxente do conselleiro de sanidade pola morte de dous doentes no CHUS

Comisión alternativa de Sanidade

O sindicato OMEGA denuncia,  ante a Fiscalía, a morte de dous doentes no Servizo de Urxencias do  Chus o pasado dous de xaneiro por falta de dotación e persoal

O BNG pide a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña ante a morte de dous doentes no servizo de Urxencias no CHUS, o pasado 2 de xaneiro por falta de atención médica  tras o colapso no servizo denunciado polo sindicato Omega ante  Fiscalía.

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado afirmou  que as comparecencias na comisión alternativa de sanidade están a ser “un revulsivo contra a política sanitaria do PP” e denuncia dos verdadeiros problemas provocados pola axenda de  recortes e privatizacións do Partido popular como quedou hoxe demostrado trala comparecencia da médica de Urxencias e membro do sindicato OMEGA, Fátima Nercellas.

Na súa intervención, Nercellas explicou que o pasado 2 de xaneiro accederon ao servizo de Urxencias do Chus 29 pacientes con catro paradas graves, dos que dous   faleceron horas máis tarde por non recibir o “trato adecuado”. Urxencias, engadiu a facultativa,  puxo en coñecemento da Xerencia e da consellería de Sanidade  a alerta  sobre a  situación de colapso que provocou a morte dos dous doentes, un por parada cardíaca e outra por isquemia intestinal polo que a Fiscalía abrirá dilixencias informativas  penais.

O CONSELLEIRO ELUDE FALAR DOS PROBLEMAS NA SANIDADE

A parlamentaria cualificou de “esperpéntica” a intervención do conselleiro de sanidade na comisión que tiña lugar esta mañá no Parlamento galego, minutos antes do comezo da comisión alternativa na que se informou da morte dos dous doentes no CHUS.

 Hoxe, manifestou  a deputada, o  conselleiro Almuíña non aludiu en ningún momento as  mobilizacións en Vigo ou Santiago, as folgas no servizo de ambulancias e de Urxencias do Chus nin das moitas denuncias dos e das profesionais da sanidade que reclaman máis medios e persoal para poder facer o seu traballo en condicións e non con sobrecargas “insoportables” como estamos a escoitar na comisión alternativa.

A atención sanitaria está funcionado, recalcou Prado, grazas o voluntariado do persoal médico e enfermeiras, a pesar dos moitos problemas derivados dos recortes en  Atención primaria, listas de garda, material insuficiente e obsoleto, precariedade laboral, plantas pechadas e  doentes nos corredores  de urxencias.

Prado reiterou que a comisión de sanidade alternativa está poñendo sobre a mesa a verdadeira realidade sanitaria en Galiza e non “a burbulla” na que  está instalado  o conselleiro e o Partido popular. 

Montse Prado, tras agradecer a presenza de Óscar Graña, Técnico de Emerxencias sanitarias do 061, Fátima Nercellas, Médica de urxencias do CHUS e Elisabeth Dosil, Enfermeira do Chus avanzou  que  vindeira semana comparecerán:

 

Martes, 15 de xaneiro ás  16.30

  • Marian Rodríguez Blanco: Pediatra Hospital da Barbanza
  • Encina Galego: Pediatra Atención Pediatra

Xoves, 16 de xaneiro ás  16.30

  • Miguel Vieito Villar: Xurista e investigador en dereito da saúde (exclusión sanitaria)
  • Rosa Cerqueiro Landín:Psicóloga Clínica do Sergas

 

A COMISIÓN OFICIAL DE SANIDADE NON QUERE VER A REALIDADE

Para a enfermeira do servizo de Urxencias do CHUS, Elisabeth Dosil  os datos da consellería non aluden á  “infradotación” dos servizos e profesionais, o abandono da Atención primaria, as esperas dos pacientes e unha precariedade dos profesionais que impide a relación de confianza entre persoal médico e enfermeiro cos doentes. Nestes sentido, denunciou que os médicos están atendendo a doentes nos corredores mentres a Xerencia fai “ouvidos xordos” ás nosas demandas. “Temos a sensación de que cada día imos a guerra” e non queremos ser cómplices desta situación e por iso levamos 2 meses de folga.

AMBULANCIAS CON MATERIAL OBSOLETO E  PRECARIADE LABORAL

Pola súa parte, o técnico  de Emerxencias sanitarias 061, Oscar Graña, denunciou que o número de ambulancias é insuficiente, de aí o colapso que se produce a miúdo no servizo de urxencias. Ademais, os grandes prexudicados son os pacientes con tratamentos.

Graña, con máis de 20 anos de experiencia no servizo, afirmou que no transporte viaxan entre un e dous doentes nos asentos dianteiros da cabina a pesar de estar prohibido. O servizo programado, engadiu, tamén resulta insuficiente e ao  igual que no transporte, estase a incumprir a lei que obriga  a contar cunha ambulancia con soporte avanzado en poboacións de 25.000 habitantes, en Vigo, dixo,  con 300.000 habitantes só existe unha ambulancia destas características.

Oscar Graña denunciou a precariedade laboral e os contratos lixo ao que engadiu  un convenio colectivo conxelado dende hai dous anos. Reiterou as deficiencias nas ambulancias entre as que destacou o material obsoleto así como o propio sobrepeso dos vehículos, entre 300 e 400 quilos que provoca un maior desgaste no vehículo.

Para Graña, o Sergas prima os criterios económicos das subcontratas cos servizos sanitarios  fronte a saúde dos pacientes. Que o Sergas, afirmou “non siga subastando as nosas prioridades”.