O BNG pide a comparecencia urxente de Rueda e a volta á mediación do CGRL no conflito da Xustiza
Ana Pontón denuncia a prepotencia da Xunta c@s milleiros de galeg@s que saen a rúa a defender a sanidade pública, unha xustiza eficiente, pensións dignas ou contra a minería contaminante: “Feixóo pasa”
O BNG demanda a comparecencia urxente do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que explique no Parlamento a posición do Goberno en relación a folga xeral dos e das traballadoras de Xustiza que suman tres semanas de paro reclamando condicións salariais e laborais que non os discriminen, contra os recortes e en defensa dunha Administración de Xustiza áxil e moderna.
O BNG tamén propón a todos os grupos da Cámara sacar adiante unha declaración institucional para recuperar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) á vista de que a cerrazón do Executivo está enquistado o conflito. “Esta folga é consecuencia da falta de diálogo dun goberno que non escoita, ao que non lle importa ter como reféns ao conxunto da cidadanía ante un servizo básico”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.
A dirixente do Bloque criticou a actitude de “hooligang” de Rueda, como “pirómano que no medio dun incendio lanza máis gasolina ao lume”, exemplo dun Goberno “que manipula e mente” co obxectivo de enfrontar á sociedade cos e coas traballadoras da Xustiza. Pontón advirte que a solución “non virá nin criminalizando o exercicio do dereito de folga, nin polo insulto, virá da man do diálogo libre da prepotencia e da chulería que Feixóo ten convertido en marca da casa”.
Neste sentido, Pontón fixo referencia a todas as mobilizacións recentes que sacaron á rúa a milleiros de galegos e galegas, pero que son sistematicamente ignoradas polo Executivo: “Encastelado en Monte Pio, Feixóo, pasa”.
“Temos un Goberno que non escoita, un presidente da Xunta que pasa dos galegos e galegas que defenden a sanidade pública, que pasa dos e das traballadoras da xustiza que piden acabar coas discriminacións salariais e unha xustiza moderna e áxil, un Feixóo que pasa dos e das pensionistas que reclaman pensións dignas, fartas de cinco anos de 0,25%, que pasa da veciñanza de Touro e O Pino e de todos os municipios da conca do Ulla cando piden vivir en concellos sen o veleno dunha minería contaminante e espoliadora”.
“Lonxe de defender os intereses da xente do común que se expresa masivamente na rúa, Feixóo executa un programa en contra dos intereses de Galiza, non escoita á maioría social que non se merece un presidente que goberne empeorando as súas vidas, que é parte do problema e non da solución. Xa é hora de que abandone a súa prepotencia, e se poña do lado das persoas deste país, que quen lle pagan o seu salario cada día”, argumentou Pontón.
Desplante do Rei e chantaxe do PP
Preguntada pola decisión das autoridades de Catalunya de non asistir a un acto do Rei Felipe II con motivo do cumio de telecomunicacións en Barcelona, Pontón considera que foi o morca “quen protagonizou un desplante a Catalunya cando tras as cargas que vimos todos e todas, en lugar de poñerse do lado das persoas e do seu dereito a votar, o que fixo foi darlles as costas e encarar unha liña represiva que entendo que teña unha resposta”.
A dirixente do Bloque tamén fixo referencia á actitude antidemocrática do Goberno central que se nega a aceptar o resultado das urnas e aposta pola chantaxe, “algo intolerable en democracia”. “Raxoi non asume o veredicto das urnas“pese a que as eleccións foron convocadas por el mesmo baixo o artigo 155”, lembrou, “esa postura en democracia non é aceptable”, concluíu.