BNG pide a comparecencia urxente do Secretario de Pesca por non atender as demandas do cerco galego

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe con carácter urxente a comparecencia do Secretario Xeral de Pesca pola postura inflexíbel do Ministerio en relación ás demandas do sector de cerco galego sobre a distribución das cotas de xarda e xurelo.

A deputada do BNG tamén presentou unha pregunta parlamentar na que alude á última comunicación da Secretaría Xeral de Pesca ás federacións de confrarías e armadores, na que lles requería nun breve prazo de tempo unha resposta sobre a relación de barcos que queren xestionar as cotas conxuntamente, ou aqueles que prefiren explotalo de xeito individual.

“O mínimo é dialogar”

Estas maneiras do Ministerio provocaron o malestar do sector cerqueiro galego que se movilizou onte mesmo e continúa coas medidas de protesta como o amarre.

Davila reprocha ao Ministerio que “xogue co sector porque parecía que a situación se podía reconducir e que había espazo para o diálogo. De repente, un xarro de auga fría”. A deputada do BNG considera, en concordancia co sector, que “se trata dun auténtico ultimátum por parte deo Ministerio” e critica o “talante unilateral que soliviantou a grande parte do sector de cerco galego”.

A deputada do BNG insta a Cañete a escoitar e dialogar co cerco galego e a ter en conta as súas demandas de que se realice un reparto de xarda lineal por tripulante entre todos os barcos.

Demanda Davila que o Ministro flexibilice a súa postura, poña o contador a cero e abra un diálogo coa pesca galega.