O BNG pide a comparecencia de Montoro e Presidente SEPI pola situación do naval

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia urxente do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e do Presidente da SEPI, para que expliquen que medidas están a adoptar para dotar de carga de traballo aos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol.

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, quer amosar en primeira instancia a solidariedade do BNG cos traballadores do sector naval que mañá levan a cabo unha folga xeral en protesta pola falla de carga de traballo nos estaleiros.

A demanda de traballo para os estaleiros de Ferrolterra “non é algo novidoso. Levamos anos advertindo de que se podía chegar a unha situación límite, levamos tempo demandando aos distintos Gobernos centrais que prioricen a viabilidade futura dos estaleiros dos que dependen miles de postos de trabalollo directos e indirectos. Máis a desidia, a indiferenza e a irresponsabilidade do Goberno central e a súa falla de firmeza perante a UE, son a pior combinatoria para ter futuro”.

“As gradas dos estaleiros públicos galegos están valdeiras, sen carga de traballo” e “todo indica que estamos ante a aplicación dun novo plan de reestructuración do sector naval”, sinala Rosana Pérez.

O PP minte

Para a deputada do BNG “resulta incomprensíbel que con 6 millóns de parados sobre a mesa, o Executivo central xogue deste xeito cos traballadores do sector naval, aos que non lles queda máis remedio que ir á folga xeral, movilizarse e reclamar un futuro que se lles nega”.

A parlamentar nacionalista acusou ao PP de “mentir e enganar prometendo unha carga de traballo que leva meses anunciándose pero é inexistente. Xa van dúas veces que temos que escoitar esa frase de que “próximamente se vai empezar a cortar chapa”. Anunciouno Montoro nun pleno a esta deputada dicindo que en marzo se comezaría a cortar chapa. Agora é Feijoó, que ademáis das mintiras de campaña, fai súa aquela frase do Ministro de cortar chapa”.

Rosana Pérez pide ao Goberno central que “se deixe de manobras de distracción e diga a verdade, aclara se hai ou non hai carga de traballo, e explique que están a facer para procurala ou mover as políticas europeas que nos denegan o dereito a producir no sector naval”. Por iso, recalcou, Montoro e o Presidente da SEPI deberían acudir ao Congreso a dar as explicacións pertinentes.