BNG pide a comparecencia de Interior pola actuación da Garda Civil en Ceuta onde morreron 9 persoas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia urxente do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, para que acuda á Cámara a explicar a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado onte en Ceuta, onde morreron nove inmigrantes.

Rosana Pérez tilda o sucedido na mañá de onte na praia de Tarajal como “moi grave” e que require das aclaracións pertinentes do máximo responsábel de Interior. “Levamos tempo escoitando falar de “medidas disuasorias” que se aplican en materia de inmigración na fronteira con Marrocos, pero os eufemismos non valen cando temos nove mortes por afogamento e aplastamento”.

Os dereitos humanos primeiro

A deputada do BNG pón en cuestión que as “tan comentadas medidas disuasorias respecten a legalidade en materia de dereitos humanos. Desde logo, se se corrobora que onte se lanzaron pelotas de goma e gases lacrimóxenos aos inmigrantes que estaban con flotadores no mar, non se pode falar de medidas disuasorias, estaríamos a falar dunha actuación que atenta por completo contra os máis elementais dereitos humanos, que pón en serio risco a vida de centos de persoas e que está fóra de toda legalidade”.

Debe haber unha investigación

Rosana Pérez demanda a Interior a apertura dunha investigación obxectiva e independente, con testemuñas de inmigrantes e das ONG´s para poder coñecer a verdade.

A deputada do BNG afirmou que “é hora de que o Ministerio de Interior se someta ás preguntas dos grupos parlamentares e aclare non só o que onte pasou en Ceuta, senón a política que se está a utilizar en materia de inmigración na fronteira. Hai medidas máis que cuetionábeis, violentas e agresivas que están fóra do debido respecto aos dereitos humanos”.

Ademáis, criticou a “pasividade da UE que despois daqueles tráxicos sucesos en Lampedusa nada acordou, nada fixo. A UE mira para outro lado e está claro que só opta por políticas represivas, sen acordar un paquete de medidas en política inmigratoria, un problema que cada vez á máis grave”.