O BNG pide a comparecencia de Feixóo para que explique a súa conexión coa presunta corrupción de PEMEX
O BNG pide a comparecencia de Feixóo na Deputación Permanente para explicar as relacións do seu Goberno coas persoas imputadas por presunta corrupción e branqueo de capitais en Pemex. Xunto aos grupos parlamentarios do PsdG, Mixto e Común da Esquerda asina a solicitude rexistrada esta mañá no Parlamento galego.
O BNG exixe explicacións a Feixóo despois das informacións publicadas pola prensa mexicana nos últimos días que apuntan directamente ao presidente da Xunta e a destacados membros do seu goberno. Para a deputada nacionalista, Olalla Rodil, afirma que se Feixóo declina comparecer demostrará que “ten algo que ocultar”.
A nacionalista asegura que a operación de venda a capital mexicano do estaleiro vigués Barreras ten “máis sombras que luces” e “o Presidente da Xunta debe dar a cara e explicar os seus vínculos co ex-director de Pemex detido, Emilio Lozoya, pero tamén con Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos co goberno galego”.
A compra de Barreras por parte de Pemex foi denunciada polo Goberno de México e actualmente está a ser investigada, entre outros, polo Tribunal de Contas e a Fiscalía mexicana, engade Rodil.
O BNG lembra que as operacións de Feixóo coa petroleira Pemex remataron moi mal, con barcos prometidos en campaña electoral que non foron construídos e coas amizades perigosas de Feixóo imputadas por corrupción.