O BNG pide a comparecencia do director da CRTVG ante os cambios de programación na Radio Galega
A dirección do ente suprime os informativos locais a un ano das eleccións municipais e Diario Cultural, após 28 anos de emisión.
O BNG e o resto das forzas da oposición, En Marea e PSdeG, solicitaron a comparecencia urxente do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, para que explique no Parlamento os cambios na programación da Radio Galega, que pasan, entre outras cuestións pola supresión dos informativos locais.
A deputada e portavoz na Comisión de control da CRTVG, Olalla Rodil, avanza que para a formación nacionalista “é inadmisible a supresión das desconexións locais dos informativos radiofónicos que traerá unha maior centralización e control da información así como a perda das referencias horarias coas que durante anos contou a poboación para coñecer a actualidade de proximidade”, alegou.
Rodil tamén advertiu do feito de que esta supresión dos informativos locais “se executa apenas a un ano das eleccións municipais de 2019”. A deputada entende que estes cambios “supoñen unha vulneración flagrante e inadmisíbel dos principios de pluralismo e proximidade que deben rexer nun servizo público como a Radio Galega garantindo, ademais, o dereito de acceso á información”.
Outro dos cambios cuestionados polo BNG é a supresión do Diario Cultural como espazo propio en materia cultural, que queda fragmentado entre a información xeralista e de entretemento. A dirección do ente público “pretende difuminar o único espazo cultural e un dos programas máis lonxevos da radiofusión galega”, cando un dos obxectivos básicos dos medios públicos é precisamente promover e difundir a lingua e a cultura do país.
A desaparición do actual formato de Diario Cultural súmase ao progresivo desmantelamento da programación cultural que desde 2009 executa o PP e a dirección da CRTVG, coa supresión de programas como Aberto por reformas, Planeta Furancho, Onda Vital, Alalá, Libro Aberto, Onda Curta, Planeta Cine ou Eirado.