BNG pide a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria, tras a sentenza do TSXG que anula a repotenciación do parque eólico do Roncudo
O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, anunciou que o BNG rexistrou no Parlamento de Galiza a solicitude de comparecencia “urxente” do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anula a “repotenciación do parque eólico do Roncudo”, en Corme, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2019.
A pesar de que a sentenza non é firme e cabe recurso, Bará cualificouna de “contundente”, porque confirma “a vulneración da Xunta de Galiza do Dereito ambiental da Unión Europea e da lexislación ambiental do estado” ao non respectar os prazos mínimos na información pública da avaliación ambiental durante 30 días, reducida e reducila a 15.
Para o nacionalista, este proceder demostra “até onde está disposta a chegar a Xunta” para favorecer “ de maneira descarada” os intereses das grandes empresas eléctricas.
Tras cualificar de “depredador” o modelo eólico do Partido popular, anunciou que o BNG presentará unha bacteria de iniciativas para reclamar “unha nova planificación eólica que respecte o medio ambiente e ás persoas que viven no medio rural”.
A Xunta, recalcou, actúa como unha “xestoría” das grandes eléctricas e para isto leva 12 anos modificando as normas que regulan o sector como; a Lei de aproveitamento eólico, a Lei de iniciativas empresarias , tamén chamada “Lei de depredación” e a modificación da Lei de reactivación económica no 2021, co fin de favorecer ás empresas, eliminar os prazos e reducir as garantías de control e supervisión, por parte da administración.
A maiores, engadiu, a Xunta anuncia unha nova modificación “pola porta de atrás” e a través da lei de áreas empresariais en tramitación co obxecto de dar preferencia a parques que destinen o 50% da enerxía que producen á industria con contratos de prezo fixo. Esta nova modificación, indicou Bará é “unha nova patente de corso” para poder “burlar” a propia planificación e normativa da Xunta de Galiza.
Bará preguntou “que máis ten que pasar en Galiza para que a Xunta poña fin a este atropelo de dereitos”. Contamos con tres sentenzas do TSXG, estudos públicos do Observatorio eólico de Galiza, que cuestionan a planificación e desenvolvemento eólico da Xunta, un informe do consello da Cultura galega que reclama unha nova regulación eólica ao que sumou a grande mobilización social, acordos plenarios, demandas de colectivos ecoloxistas e corporacións municipais, “de todas as cores” contra unha planificación eólica “depredadora”. Toda unha emenda á totalidade á política eólica da Xunta, aseverou.
Agora, explicou o nacionalista, estamos ante unha nova fase de “aceleración de proxectos” aprobados o ano pasado como iniciativas empresarias, e este empurron da Xunta responde a non incumprir os prazos para que as empresas non perdan os dereitos de conexión que caducan no ano 2022.
A xudialización dos proxectos eólicos van a continuar e ADEGA xa anunciou que levará ao contencioso adminstrativo, a situación dos parques de Campelo, Bustelo e Monte Toural nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo promovidos por Grinnalia, empresa baixo sospeita “de portas xiratorias”.
Propostas do BNG contra o modelo eólico “depredador” da Xunta
Luís Bará afirmou que o BNG intensificará a súa resposta contra o modelo eólico da Xunta, tanto no plano social como institucional, e hoxe mesmo, rexistramos unha iniciativa para que compareza “de maneira urxente” o vicepresidente 2º e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde para que explique a forma de proceder “irregular” da Xunta e sobre a que xa se pronunciou en sentencia o TSXG. “Pediremos responsabilidades por esta maneira de actuar” e a “rerprobación do goberno da Xunta pola vulneración da normativa comunitaria e a lexislación ambiental do estado”.
No ámbito lexislativo reclamaremos a “derrogación de todas as modificacións” legais realizadas pola Xunta, dende o ano 2009 e sobre a planificación sectorial, demandaremos un novo modelo para o sector eólico “respectuoso co país, co medio natural e as persoas que viven non medio rural”.
Finalmente, en resposta a intensificación de proxectos anunciados pola Xunta , dende o BNG impulsaremos unha fronte social como “dique de contención” e no marco comunitario ampliaremos a denuncia ante a Comisión europea contra os ataques ao medio e as persoas que está a perpetrar a Xunta na súa tramitación eólica.