O BNG pide unha Comisión de Investigación para aclarar a situación económica de Pescanova

Francisco Jorquera e Carme Adán presentan unha Proposición non de lei que insta ao Goberno a actuar para manter os postos de traballo, viabilidade e centros de decisión en Galiza do grupo empresarial

O portavoz do grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a portavoz de Industria, Carme Adán presentaron hoxe, en rolda de prensa, unha Proposición non de lei destinada a constituír unha Comisión de Investigación sobre o estado financeiro de Pescanova e o uso realizado das axudas públicas recibidas polo Goberno galego.

A iniciativa nacionalista tamén reclama un compromiso do Goberno galego para garantir o mantemento todos os postos de traballo, un plan de viabilidade e a galeguidade da empresa.

Os parlamentarios do BNG propoñen a participación pública na xestión do capital de Pescanova.

Feijóo debe gobernar para evitar a “primavera negra” na industria galega

Na súa intervención, a deputada Carme Adán criticou a actitude de Núñez Feijóo ante a situación dunha empresa sistémica en Galiza, “o Presidente da Xunta, afirmou, é incapaz de xestionar os graves problemas que temos en Galiza e a Xunta continúa de costas sen aportar ningunha política alternativa para resolvelos”.

Adán criticou “o silencio” de Feijóo ante a situación da empresa así como a falta de vontade para buscar unha solución.Neste sentido, defendeu que o Parlamento coñeza en profundidade a situación financeira de Pescanova e das axudas públicas recibidas durante anos polo que pediu a constitución dunha “Comisión de investigación que aclare o acontecido”.

A parlamentaria tamén reclamou unha xuntanza co comité de empresa e o goberno galego ao fin de establecer un plan de “viabilidade con avais do IGAPE e participación pública da empresa”.

Carme Adán reiterou que debe ser responsabilidade do Goberno galego analizar as diversas formas que eviten o “final” da empresa galega e a súa venda “a cachos”.

Feijóo exerce de xefe de oposición da oposición

O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera coincidiu coa deputada na análise da situación de Pescanova como un novo síntoma do “rotundo fracaso das políticas de Feijóo” que aboca a Galiza nunha pendente imparable. O problema de Feijóo, dixo, é que elixiu “escoller ser o líder da oposición á propia oposición” en troques de exercer como Presidente dun goberno.

Jorquera manifestou que a situación de Pescanova situase “nas irregulares xestións do seu Presidente”, vinculado a Feijóo na campaña das autonómicas do ano 2009 ao que só lle faltou pedir o voto para o Partido popular de maneira pública.

Unha situación económica, engadiu, produto dun proceso de expansión “compulsivo e desordenado” que se traduciu no desvencellamento da empresa agravado pola perda de institucións financeiras galegas ante a que Feijóo permaneceu “mirando para outro lado”.

Para o BNG, dixo, a pesar dos grandes erros cometidos por Pescanova, esta empresa continúa sendo “unha empresa estratéxica para Galiza” que debe ser reflotada para que volva ás súas orixes evitando o seu “troceamento”.

O portavoz do BNG no Parlamento galego insistiu na necesidade de constituír a Comisión de investigación para clarexar os motivos da actual situación de Pescanova así como a presenza da Xunta , a través de SODIGA, nunha das súas filiais, concluíu.