BNG pide a cobertura das prazas vacantes de persoal sanitario nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño e o PP vota en contra
Rosana Pérez denuncia esperas de ata tres semanas para recibir atención e advirte que o deterioro da calidade asistencial xa se está a facer crónico
A deputada do Barbanza Rosana Pérez reclamou no Parlamento a cobertura das prazas vacantes e das baixas do persoal de medicina de familia, pediatría e enfermería nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño, que levan anos sufrindo un “empeoramento continuado da calidade da atención que xa se converteu en crónico”.
Rosana Pérez defendeu na Comisión de Sanidade unha proposición non de lei neste sentido e lamentou o voto en contra do PP malia os “anos de precariedade, queixas e malestar das persoas usuarias pola falta de persoal e, como consecuencia, polas agardas inxustificables” que xa teñen sido motivo de varias mobilizacións cidadáns. Esperas que, denunciou, chegan a día de hoxe ata as tres semanas para un cita co médico de familia no centro de saúde de Ribeira, todo un “paradigma” da “xestión nefasta e o funcionamento caótico” consecuencia da mala xestión e dos recortes do Goberno do PP, asegurou.
Segundo expuxo a deputada do BNG, o centro de saúde de Ribeira, que atende a unha poboación superior ás 20.000 persoas, debería contar con 11 facultativos ou facultativas pola mañá e 4 pola tarde, un deles rotando en ámbolos dous horarios. Porén, na actualidade están sen cubrir unha das prazas de medicina de familia pola mañá e outra pola tarde, ademais da praza oscilante que combina mañá e tarde. En total, tres médicos ou médicas menos do que lle correspondería a este centro de saúde.
O centro de Aguiño ten asignadas dúas prazas, pero chegou a estar sen ningún profesional de medicina de familia porque un se xubilou e outro tivo que coller unha baixa laboral, polo que os usuarios tiñan que ser atendidos en Ribeira, acrecentando así a demanda do seu centro de saúde, detallou a deputada. Sanidade decidiu enviar un dos traballadores de Ribeira para Aguiño, suplindo así unha das carencias, pero aínda segue sen cubrir a baixa laboral.
“Entre Aguiño e Ribeira hai nestes momentos catro médicos menos”, resumiu Rosana Pérez, quen sumou a estes un máis que falta no PAC. “Este ir e vir de profesionais o que está a provocar é que cada vez que alguén ten que ir a consulta é atendido por unha médica ou un médico diferente”, criticou.
Advertiu, ademais, que a falta de profesionais nos centros de saúde está provocando a saturación do propio PAC e das urxencias do hospital comarcal da Barbanza, o que se podería agravar aínda máis de cara as datas do Nadal