BNG pide o cese do xefe de servizo de pneumoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti
A primeiros desta semana, a través dunha entrevista, o xefe de servizo de pneumoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti daba unha entrevista na que se fan unhas graves aseveracións. Nela, o señor Pérez de Llano mostra a súa preocupación polas múltiples queixas que se dan por parte do sector médico, desprezando as reclamacións efectuadas polos seus dereitos laborais coma a libranza das gardas, ou descualificando co termo de “baixistas profesionais”.
A portavoz de Sanidade do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, salientou que “estamos nunha grave situación na sanidade pública galega, na que pacientes e profesionais están a sufrir as consecuencias das políticas tomadas por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza”. O BNG denuncia que hai profesionais que están a padecer unha grande precariedade laboral en termos xerais, e que nos últimos anos están vendo como se suceden as ameazas contra os seus dereitos, “con xornadas laborais alongadas e sobrecargadas, ou con denegación de permisos de vacacións ou días de libre disposición” apuntou.
Carreira sinalou que fronte a esta situación, “vemos como desde unha xefatura de servizo”, que cómpre lembrar que se trata dun cargo de responsabilidade, “se aproveita a proxección pública para emitir mensaxes claramente degradantes para as profesionais da sanidade pública galega”, contrarias incluso a calquera recoñecemento dos dereitos laborais.
A estas alturas, varias centrais sindicais teñen amosado a súa indignación por estas declaracións, demandando accións por parte do Sergas e a Consellería de Sanidade. O BNG solicitará no Parlamento que a Xunta de Galiza proceda á destitución inmediata do xefe de servizo de pneumoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti.