O BNG pide o cese do Presidente de Sogama por falsificar datos para xustificar a suba do lixo

Ana Pontón denunciou a “falta de transparencia, mentiras e ocultación de información” do Goberno galego á cidadanía e o Parlamento galego tras contratar un informe con datos falsos para xustificar o incremento no servizo de tratamento do lixo

A deputada do BNG, Ana Pontón pediu hoxe na comisión de Medio ambiente “o cese do Presidente de Sogama por realizar informes que falsificaban as contas das previsións contidas no plan de viabilidade” co fin de xustificar o incremento do canon do lixo.

Pontón afirmou que a “falta de transparencia, mentiras e ocultación de información” do Goberno galego é un proceder semellante o da xestión en Sogama coa “famosa, coñecida e discutida suba do canon de Sogama”. Neste sentido, lembrou que o Partido popular no Parlamento galego xustificou a devandita suba por mor “dunhas importantes perdas da empresa” que xustificaba a suba do 33, 4% do canon para evitar a súa quebra. Dende o BNG dixemos que era unha “medida inxusta e inxustificada” e o tempo ven a darnos a razón.

Feijóo, dixo a deputada, gastou 50.000 euros nun informe para certificar unha suba que, pasado o tempo, quedou demostrado non ser real despois de coñecer as contas, sen embargo o Presidente da Xunta e o PP defenderon un discurso para xustificar o incremento que deben pagar os cidadáns polo tratamento do lixo.

“Un informe, errado en base aos datos entregados polo Presidente de Sogama” como confirmou a propia empresa Pricewatherhouse. Ou ben o titular de Sogama “non se enteira” ou pretendeu utilizar datos para xustificar a suba. En calquera dos dous casos, afirmou , “debe ser cesado”.

O BNG pide a devolución das cantidades cobradas indebidamente os concellos

A parlamentaria criticou o silencio de Feijóo, da conselleira e responsábeis de Medio ambiente neste asunto do que dixo, “non é inocente” e pediu “unha rectificación” do canon e a devolución das cantidades cobradas indebidamente os concellos.

Sube a luz un 11%, cando o PP dixo que o recibo diminuiría, a gasolina e a máis cara, soben os produtos de alimentación e o custe da vida cada vez e maior mentres os salarios baixan. Esta política do Partido popular non “nos parece de recibo” igual que a negativa da Xunta de Galiza a negociar os convenios das administracións locais con Sogama, “vostedes xogan cos cartos que teñen que pagar os cidadáns e os concellos”.

Finalmente, Ana Pontón volveu criticar o actual modelo de tratamento do lixo baseado na incineración en vez da reciclase cun modelo cercano con plantas comarcalizadas, eficiente co medio ambiente e xerador de postos de traballo. “Sogama é un modelo fracasado”, concluíu.