O BNG pide o cese da Valedora do Pobo tras coñecerse a sentenza que a condena por enchufismo
Ana Pontón lembra que o nomeamento de Otero formalizouse nun pleno cambalache no que PP e PSOE se repartiron institucións públicas como a Valeduría, a CRTVG e o Consello de Contas
O BNG presentou unha proposta de cese da valedora do pobo en base ao artigo 5.1. 4ª causa da Lei da institución para someter a debate no próximo pleno do Parlamento, toda vez que tras a sentenza do TSXG que condena por enchufismo a Milagros Otero nin esta ten presentada a súa dimisión nin o PP ten solicitado o seu cese.
“É inadmisible que poda seguir a fronte da Valeduría do Pobo tras cometer arbitrariedade e desvio de poder para enchufar a irmá do actual portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, e non pode estar nin un minuto máis ante unha institución que ten como función precisamente velar polo cumprimento da lei pero se colocou fora da lei”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.
O BNG considera que a sentenza amosa unha vella práctica “caciquil” propia do PP que non se solventa coa obviedade de acatar a sentenza.
“Hai dous camiños, ou a valedora dimite ou a vía recollida na lei que é a que activa o BNG coa súa proposta para que sexa tratada antes de que remate o período de sesións, porque está en xogo a credibilidade da propia institución”, indicou Pontón, que se preguntaba “como calquera cidadán pode presentar unha queixa contra unha administración do PP ante unha entidade que ten como titular unha persoa acusada de enchufar para un posto público a irma do portavoz parlamentario do PP”.
A formación nacionalista considera que esta caso afecta de pleno ao PP e obriga ao presidente da Xunta a posicionarse. “Feixóo non pode escorrer o vulto e ten que dicirnos se pensa que pode seguir na institución unha persoa acusada de enchufismo para favorecer á irma do seu portavoz parlamentario”, alega.
A dirixente do Bloque subliña que o BNG xa se opuxo ao “controvertido” nomeamento de Otero por considerar que non cumpría cos requisitos esixibles a figura da valedora do pobo, “pois viña da man do PP como vemos agora”.
Instrumentalizar as institucións
Pero Pontón fixo tamén unha crítica máis ampla coa posición do PP e do PSOE que pactaron o reparto das institucións públicas. “Hai que facer unha reflexión maior porque a actual valedora do Pobo foi nomeada nun pleno moi polémico no que denunciamos o cambalache entre o PP e o PSOE á hora de repartirse as institucións da Valeduría do Pobo, do consello de CRTVG e o Consello de Contas”.
Pactos entre os dous partidos estatais “que xa vemos os froitos que está dando, tanto na Valeduría, con esta sentenza de enchufismo, como na manipulación e uso partidista dos medios públicos, que demostra que ese pacto só serviu para instrumentalizar por parte do PP institucións que son de todos os galegos e galegas. O tempo veu darnos a razón cando cuestionábamos tanto a idoneidade da valedora como a utilización partidista dos medios públicos”, concluíu.