BNG pide un cambio na norma tributaria para impedir que REGANOSA prexudique as arcas públicas do concello de Mugardos ao reducir a súa contribución polo Imposto de Actividades Económicas
Ramón Fernández lembrou que a empresa pagaba polo IAE, 467 mil euros anuais desde 2009 e agora pagará 34.183 tras ser incluída a empresa nun epígrafe diferente
Critica o apoio do Partido popular co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á cabeza, aos intereses da empresa REGANOSA e contra os interese do concello
O deputado do BNG, Ramón Fernández reclamou, a través dunha proposición non de lei, instar ao goberno central para que REGANOSA non reduza o pago do Imposto de Actividades Económicas ao concello de Mugardos. Mon Fernández propuxo un “cambio na norma tributaria”, proposta que rexeitada polo grupo do Partido popular.
Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que ao inicio da actividade a empresa REGANOSA inscribiuse no epígrafe 123.2 do IAE, correspondente á Distribución de Gas Natural pero no ano 2010, a axencia tributaria, de oficio, corrixiu esa inscrición pasando a REGANOSA ao epígrafe 152, que corresponde á “Fabricación, distribución e comercialización de gas coa obriga de pagar 467 mil euros ao ano, epígrafe recorrido por REGANOSA a pesar de non existir no Imposto de Actividades Económicas, un apartado que recolla especificamente a actividade da empresa como constatan os propios recursos e tribunais. Nese momento, dixo o deputado, xurde a polémica, porque “non estando expresamente recollida os tribunais tiveron que realizar un labor de interpretación da norma parar encadrar a actividade de REGANOSA no epígrafe que estimaron que mellor corresponde”.
O parlamentario do BNG tamén explicou que existen no Estado español outras outras regasificadoras cuxa actividade económica de regasificar gas natural non é unha parte do proceso da súa actividade económica principal, mentres que no caso de REGANOSA a regasificación si o é, afirmou.
Mon Fernández sinalou que do propio proceso seguido nos tribunais económico-administrativos, despréndense con claridade diversos aspectos como que, non existe outro caso igual no estado español, e se nos referimos a tributación de REGANOSA tampouco incorreremos en agravio comparativo. Por algunha razón que debe ser aclarada, o Concello de Mugardos non impugnou a resolución do TE-AC, e polo tanto a Xustiza e tribunais ordinarios non tiveron ocasión de pronunciarse sobre a interpretación da norma que se realizou en sede administrativa e finalmente, todas as partes recoñecen a actividade de REGANOSA non recollida de maneira específica no Imposto de Actividades Económicas.
Urxe modificar a norma e adaptala á realidade
Para o deputado, urxe “modificar a norma e adaptala á realidade” e o esperable é que que o goberno modifique o IAE introducindo novos epígrafes que recollan especificamente novas actividades que van aparecendo como aconteceu co “coworking” que conta con tres modificacións tributarias nos orzamentos xerais do 2023. Dende o BNG propoñemos que se realicen as modificacións para que “REGANOSA siga pagando no Concello de Mugardos o que viña pagando antes desa resolución do TE-AC, que hoxe é firme”.
REGANOSA realiza a súa actividade no Concello de Mugardos, actividades portuarias de carga e descarga, regasificación, almacenamento e tránsito de numerosos camións. O impacto social, ambiental, paisaxístico, o tráfico marítimo e por estrada concéntrase no Concello de Mugardos, e a percepción do risco que estas actividades implican non teñen nin punto de comparación entre os veciños e veciñas de Mugardos cos de outros concellos por onde poida pasar o gasoduto. O deputado sumou a todas estas circunstancias, a repercusión económica para o Concello de Mugardos polo cambio de tributación sobre os recursos que precisa para a prestación dos seus servizos.
Rueda apoia os intereses de REGANOSA en contra do concello
Por outra banda, o deputado do BNG rexeitou a decisión dos representantes da Xunta no Consello de Administración de REGANOSA, co presidente Rueda á cabeza, que votaron a favor da reclamación de REGANOSA contra o concello de Mugardos, algo, que a ao seu xuízo, deben explicar porque resulta moi difícil de entender e asumir que o “presidente da Xunta apoie, dun xeito tan radical, os intereses dunha empresa en contra dos intereses dun Concello”.
Tras a intervención do portavoz popular, Pedro Puig, o parlamentario nacionalista criticou que o PP aludira a certas “inexactitudes do BNG” utilizando como exemplo outras empresas semellantes como de ENAGAS. Cremos, replicou Mon Fernández que “as diferencias entre ENAGAS e REGANOSA son evidente para calquera”, e insistiu en que son REGANOSA e a Axencia Tributaria os que inciden en que a actividade de REGANOSA non está recollida no IAE,” non o di o BNG, e é o propio TE-AC o que di que non atopa casos semellantes para fundamentar a súa resolución e isto tampouco o di o BNG”, enfatizou.
O deputado nacionalista rexeitou a emenda presentada polo PP por considerar que o contido representa “ asfaltar o camiño” para que o cambio tributario se consolide prexudicando ao concello en máis de 400 mil euros ao ano e pon o foco e responsabilidade no pleno municipal sen dar ningún tipo de explicacións de porque o Presidente da Xunta apoiou a reclamación de REGANOSA contra o concello de Mugardos ou os cambios de opinión do alcalde, que ante “as primeiras reclamacións de REGANOSA contestaba que sen unha sentenza en contra non podía chegar a ningún acordo”.