O BNG pide axudas económicas para Barreras e a participación pública nos consellos de administración e dirección do estaleiro
A deputada do BNG por Pontevedra, Carmela González defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Industria para reclamar carga de traballo, contratación de traballadores e traballadoras e proxectos viables para garantir o futuro dos estaleiros vigueses e da comarca de Ferrol.
Carmela Gonzáléz explicou que no ano 2008, Galiza era vangarda na construción naval pero, ano a ano, o sector perdeu peso por decisións políticas e empresariais erráticas. A deputada lembrou que Estaleiros Barreras é un claro exemplo da delicada situación que atravesa o sector. O maior estaleiro privado do Estado, dixo atópase “nunha situación critica”.
As turbulencias que atravesa Barreras, apenas 5 meses despois da entrada de Ritz Carlton, segue unha deriva moi preocupante, con denuncias das empresas auxiliares por incumprimento de acordos , mala imaxe no exterior, fuga de talentos e capital humano que repercute negativamente no conxunto do sector, como indica o clúster do naval.
Non podemos seguir salvando as contas dos estaleiros metendo nos petos dos accionistas privados diñeiro público a fondo perdido. “Hai que apostar por un sector naval público ou semipúblico que garanta a carga de traballo e os postos de traballo”.
Plan industrial e financeiro para reflotar o sector naval
A parlamentaria do BNG insistiu na necesidade de garantir a viabilidade e futuro do sector, relanzando á construción naval galega ao mercado internacional. Nesta liña, lembrou que o PP contan cunha lei que aporta as ferramentas necesarias para redactar este plan, “só é cuestión de vontade política” polo que urxiu á Xunta a convocar a Mesa do Naval para traballar “man a man coa patronal e sindicatos, polo futuro das estaleiros galegos. Esta colaboración, engadiu tamén debe estenderse “ao goberno galego e central”.
A estas alturas os estaleiros de Vigo, explicou só teñen actividade asegurada para 2021, “a partir de aí nada”. No que levamos de ano, segundo datos do Ministerio de Industria, os estaleiros do eixo Vigo-Marín só conseguiron 3 contratos novos (todos por parte de Armón), o que supón unha caída de máis do 70% con respecto ao mesmo período de 2019.
Os datos reflicten unha situación crítica e inciden na necesidade de políticas decididas que poñan en marcha e desenvolvan as enormes potencialidades dun sector estratéxico para “Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza, que emprega a más de 10.000 persoas”.
“A Xunta ten que convocar xa a Mesa do Naval para traballar man con man coa patronal e os sindicatos, polo futuro dos estaleiros galegos”, concluíu a deputada nacionalista.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.