BNG pide axilidade nos trámites para declarar Ben de Interese Cultural a Casa Cornide e impedir un novo espolio da familia Franco
Mercedes Queixas reclamou cumprir o acordo acadado polo BNG no Parlamento galego, no mes de novembro, para axilizar o procedemento
Pide “blindar o edificio e o seu contido” para evitar accións espurias da familia do ditador
A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas formulou unha pregunta parlamentaria ao goberno relativa as xestións realizas pola Xunta para a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC).
Queixas lembrou que o pasado 17 de novembro foi aprobada por unanimidade unha proposición do BNG para instar á Xunta a axilizar o procedemento necesario para declarar BIC o histórico edificio coruñés Casa Cornide.
Tras a intervención da directora Xeral de Patrimonio Cultural, Carme Martínez Ínsua que confirmou o estado dos trámites “na súa fase previa” para a declaración BIC, a nacionalista reiterou que “o tempo aprémea” e temos que impedir que as furgonetas entren e saían cargadas de obxectos. A cidadanía, afirmou a deputada, está preocupada sobre todo despois dos antecedentes da Familia Franco e seu proceder cos bens espoliados.
Mercedes Queixas insistiu na necesidade de “axilizar” o procedemento por responsabilidade co patrimonio cultural colectivo, tanto material como inmaterial.
Queixas pediu á responsable de Patrimonio, “apremiar os prazos” para que o pobo galego sexa propietario da Casa Cornide e máis alá do significado do edificio, explicou, resulta fundamental “blindar o seu contido” e activar o inventario para determinar os bens que permanecen alí pero tamén os que xa non están. Neste sentido, considerou que debe primar a equiparación BIC tamén para o contido interior do edificio.
Dende o , remarcou a nacionalista pedimos axilizar o carácter BIC para evitar “novas accións espurias”.
Na súa intervención, Queixas afirmou que o tempo deitou razóns sobre este procedemento fraudulento recentemente para o Pazo de Meirás. Un exemplo que convida a “continuarmos a traballar no camiño da recuperación para o ben común do que sempre lle pertenceu”.
Con todo, dixo, enfrontámonos aínda agora a uns “procedementos espurios” aos que os descendentes de Franco están afeitos e pretende continuar exercitando.
Xuízo dos 9 de Cornide por unha acción pacífica e reivindicativa
Mentres que o pobo da Coruña segue activo nunha nova Marcha Cívica, o día 4 de febreiro celebrarase o Xuízo dos 9 da Casa Cornide por “unha acción pacífica que reivindicaba a devolución da Casa Cornide ao pobo coruñés”.
Resulta un paradoxo que coincidindo co xuízo, a Casa Cornide sega ofertada á venda por unha inmobiliaria e ademais a familia continúe a facer ostentación da súa impunidade dando a ver un proceso de mudanza “sen ningún control” e contrario á protección de patrimonio colectivo, o que merece a “repulsa social e institucional “á vista dos antecedentes de intento de baleirado de bens do Pazo de Meirás tras a sentenza que declarou o pazo propiedade do Estado.
“Lembremos que ata hai só 2 anos na Casa Cornide estaban depositadas as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo, o que avala a necesidade de que a declaración BIC sexa urxente e inclúa tamén o contido do edificio, substancialmente descoñecido por carecermos dun inventario de bens patrimoniais que frease o seu espolio”, reiterou a deputada do BNG.