BNG pide aumentar os medios para a tutela de persoas adultas e crear delegacións territoriais para o seu seguimento
A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado do BNG, Iago Tabarés reclamou máis medidos para a Fundación galega de Tutela de Persoas Adultas, (FUNGA) e reprochou ao PP que nos orzamentos aprobados para o ano 2024 a fundación sexa denominada de tutela para persoas maiores. Non tiveron, dixo, “nin sequera a vontade de adaptarse aos cambios do 2021” e o máis grave é que a fundación dedica os seus esforzos á protección e coidado das persoas que non se valen por si mesmas e non contan con axuda de fóra.
A fundación, sinalou o nacionalista, “carece de medios organizativos, persoais e materiais” e mentres tanto o goberno continúa “sen facer nada”, a pesar do incremento de persoas que precisan de medidas de apoio. No ano 2010, explicou Tabarés, a FUNGA dispuña de 8 asesoras xurídicas e 7 traballadoras sociais para prestar medidas de apoio a 1.600 persoas, 1.016 tutelas e 122 curadorías e no ano 22, 8 asesoras e 7 traballadoras sociais para atender o dobre de medidas de apoio,. Agora constatamos que as previsións orzamentarias da Xunta diminúen e non existen previsión de medidas para mellorar esta situación.
O deputado do BNG afirmou que diferentes asociación como: Acord, Aspronaga ou Paideia denunciaron que na actualidade a dotación de persoal da FUNGA fai imposible poder desenvolver a súa función con 420 persoas dependentes en situación de vulnerabilidade por cada traballadora social e a falta de seguimento por parte da Xunta das 200 persoas ao seu coidado.
Nesta liña, o nacionalista preguntou á conselleira de Política Social, Fabiola García pola previsións e accións a realizar para corrixir a situación de abandono que sofren as persoas dependentes cuxa protección e coidado ten atribuída á Xunta de Galiza porque estamos, dixo, a referirnos a persoas que “precisan apoio e coidado” e a neglixencia da súa Consellería ten consecuencias no patrimonio dos e das afectadas que son vítimas frecuentes de estafas e delitos, ou de agresións e abusos como os acontecidos nos centro de Souto de Leixa en Ferrol. O deputado lembrou que a propia Audiencia provincial de Ourense xulgou unha estafa continuada a unha persoa baixo o coidado da Funga, delito que a propia Funga descoñecía.
Tras a intervención da titular de Política Social, o deputado do BNG, Iago Tabarés volveu a reclamar máis incremento de persoal, traballadores sociais e crear delegacións territorias para facilitar o seguimento das persoas ao seu coidado porque o anunciou da titular da consellería de destinar a FUNGA para o ano 2024 a cantidade de 2.163.000 euros representan “250 mil euros menos” a respecto da anterior cantidade que ascendía a 2.420.000 euros.
Tabarés remarcou que a situación afecta a persoas especialmente vulnerábeis e de maneira especial “con discapacidade sen posibilidade de seren atendidas” e a FUNGA é o seu último recurso, de aí que dende o BNG reclamemos para estas persoas unha solución inmediata, concluíu.