O BNG pide ao SERGAS que convoque o 100% das prazas vacantes na OPE 2016

A deputada do BNG, Montse Prado considerou imprescindíbel a convocatoria do 100% das prazas vacantes, dende o ano 2009, en todas as categorías profesionais

A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu na comisión de sanidade unha proposición non de lei co fin de reclamar do SERGAS unha convocatoria de OPE co 100% das prazas vacantes reais e non cubertas en todas as categorías profesionais.

Na súa intervención demandou do Partido popular “mudar de política sanitaria” como tamén reclaman os profesionais aos que mostrou o seu apoio nas mobilizacións no día de hoxe en Compostela.

Despois de anos de non convocatorias, a oferta publica de emprego para o ano 2016 resulta “insuficiente” e en moitas categorías nin sequera son convocadas prazas. Nos anos 2010-11 e 2012 non foron cubertas as vacantes polo que afirmou que a consellería de Sanidade realizou “un ERE” na Sanidade pública galega.

É necesario convocar máis prazas porque as listas de espera seguen aumentando e os servizos de urxencias saturados polo que resulta urxente convocar “todas as prazas estruturais ocupadas por persoal eventual con duración superior a un ano”.

Contratos por días e horas

Prado pediu ademais cambiar a política de contratación por vínculos de causalidade e non contratar as persoas que cubren as baixas con días alternos con “contratos miserentos” que representan, na súa opinión, “unha falta de respecto para os profesionais e doentes”.

A parlamentaria denunciou os contratos por días e horas e asegurou que a carencia de persoal non se soluciona con “censura” como está a facer o xerente do hospital de Vigo cunha circular negando as denuncias de falta de persoal e recursos nos servizos.

O PP seguirá adiante coa OPE 2016 e nega que existan servizos con peores contratos, salarios e recursos

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Aurelio Núñez Centeno respondeu á deputada que as prazas convocadas son as necesarias e corresponden a reposición do 100%. Centeno tamén xustificou os contratos temporais e afirmou que cumpren coa legalidade. O SERGAS convoca todas as prazas e cumpre a normativa estatal ao que a deputada replicou que esta política do PP está a provocar “graves consecuencias na prestación sanitaria”.

A parlamentaria lembrou que son moitas as denuncias de profesionais “a pesar de que saben que poden ser expedientados”. Vostedes,afirmou, teñen unha folla de ruta, “entregar a sanidade ás empresas privadas”.

A proposición non de lei defendida por Montse Prado foi apoiada polos grupos da oposición e rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.