O BNG pide ao PP que rectifique e non continúe coa política “asfixiante” aos sectores culturais
A deputada e portavoz de cultura do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe ao Partido popular, a través dunha interpelación ao conselleiro de Cultura, “unha rectificación” para non seguir cunha política que “asfixia” aos sectores culturais. Rodil denunciou os recortes da última década nos diferentes sectores culturais e asegurou que a intención da consellería é seguir “engordando” o espectáculo Xacobeo.
A parlamentaria volveu a reclamar a dimisión de Jacobo Sutil, director da AGADIC tras anunciar a supresión da figura da dirección do Centro Coreográfico Galego. “Pedímoslle que dimita e peche este ciclo de dez anos lamentábeis de demolición dos sectores profesionais da cultura galega”, recalcou.
Tras a intervención de Román Rodríguez, asegurando que o novo Estatuto de AGADIG suporá un mellor funcionamento da Axencia Galega de Industrias culturais, a nacionalista replicou que cando chegou o Partido Popular á Xunta en 2009, existía unha Axencia Galega de Industrias Culturais recén creada cun “enorme potencial”. Unha “Lei do libro e da lectura que situou o sector editorial como un sector estratéxico. Un Plan Galego de Artes Escénicas consensuado co sector, unha Axencia Audiovisual Galega referente no conxunto do Estado e da que naceu o novo cinema galego que tantos éxitos nos está a dar. Púxose en marcha a plataforma Flocos.Tv ,como portal de difusión e de encontro entre profesionais da creación e os sectores públicos, cando aínda non se falaba tan sequera de plataformas dixitais”.
Ademais, engadiu foi creado o Centro Coreográfico Galego que durante tres anos foi motor de creación e formacion no mundo da danza. O Centro Dramático galego tiña liñas de traballo novidosas e diversificadas e unha Rede Galega de Teatros e Auditorios cos mellores resultados de programación da súa historia.
E en dez anos, denunciou a nacionalista, o Partido Popular “desmontou todo”. Comezou atacando a lingua galega co decreto do plurilingüismo e agora, pretenden seguir “desmantelando centro a centro e programa a programa da cultura galega”.
Recortes que asfixian á cultura galega
Recortaron até a saciedade, o 60% e hoxe en 2020 o Orzamento en Cultura está por baixo do que había en 2012. A cultura representa o 2% do PIB de Galiza e máis do 3% do emprego e o Partido Popular inviste en Cultura apenas o “0,6% do Orzamento da Xunta”.
“Dez anos de asfixia económica que non cesa”, son “insaciables” e non van parar até acabar con todo. ”Recortan o diñeiro que debería ir destinado aos sectores culturais para seguir engordando o espectáculo Xacobeo”.
O BNG reclama unha mesa de negociación co sector cultural
Levamos pedindo durante toda a lexislatura que abran “unha mesa de negociación”, cos sectores culturais, coas entidades que representan as artes escénicas e a danza”. Dotar o CDG e o CCG de autonomía, “dun estatuto propio e dunha entidade autónoma de xestión que é o que marca a Lei de creación da AGADIC”.
Porque este país merece máis, señor Rodríguez, que ter no Goberno unha forza como o Partido Popular que en vez de aproveitar todo o potencial que ten Galiza se dedica a atacar todo o que representa a identidade propia deste país, concluíu.