O BNG pide ao Goberno que investigue a situación da empresa textil Los Telares, con 16 centros en GZ

As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandar ao Goberno que investigue a situación laboral da empresa textil Los Telares que ten 16 centros na Galiza: 7 en A Coruña, 4 en Pontevedra, 3 en Lugo e 2 en Ourense.

Explican as parlamentares do BNG que a mediados do mes de maio, centos de traballadoras e traballadores de Los Telares foron convocados a un paro a finais de maio para reclamar o pagamento dos salarios que lles deben e o estabelecemento dun plan de viabilidade que garanta o seu futuro.

Lembran que a compañía estivo en concurso de acreedores até o mes de abril do pasado ano, cando asinou un Convenio cunha porcentaxe de quita e un periodo de carencia de dous anos para enfrontar gradualmente o pagamento da débeda. Presentou un ERE que afectou ás plantillas de 17 puntos de venda do estado. As traballadoras e os traballadores denuncian que os estabelecementos están desabastecidos e que non se cursaron as ordes para a próxima campaña de inverno. Ademáis, a empresa adebeda tres pagas extraordinarias á plantilla.

A mercadoría non chega aos almacéns centrais.

Salarios e pagas extras sen pagar e sen proxecto empresarial

As deputadas do BNG poñen de manifesto que “o principal temor das traballadoras é a falla dun proxecto empresarial viábel.

Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila salientan un dos principais problemas da situación desta importante empresa textil. “Desde novembro de 2014, Los Telares pasou a máns dun fondo de inversión suizo denominado Gryphus Partners, e as tendas están desabastecidas”. Unha empresa que tiña case tres décadas de traxectoria.

Critican que o fondo suizo asegurara que apostarían por aumentar a rede de tendas, consolidar a expansión no mercado español e potenciar o comercio online. “Pero nada disto está a suceder. Ao BNG preocúpalle a situación de debilidade e de destrotección na que se atopan as plantillas de todo o estado, particularmente as das tendas galegas”.

Razón pola que dirixe unha batería de preguntas ao Goberno na que advirte que “se deberían controlar os procesos de compra de empresas por parte de escuros fondos de inversión que lles levan directamente ao peche”. “Vai o Goberno a investigar este proceso dado que o Fondo de inversión se comprometeu no seu día a aumentar a rede de tendas, consolidar a súa expansión e potenciar o comercio online? Como se explica entón que as plantillas non cobraran as dúas pagas extras, que lles deba o mes de abril e sexan vítimas dun ERE, á vez que se anuncia un peche de estabelecementos?”.