BNG pide ao goberno que interveña para garantir a viabilidade do asteleiro barreras e a industria auxiliar
A deputada do BNG, Carme González Iglesias formulou unha pregunta ao conselleiro de Economía, Francisco Conde sobre as previsións do goberno galego para garantir a “inmediata viabilidade” do estaleiro Barreras e reclamou a intervención de industria sobre o maior estaleiro privado do Estado e cun grave problema pola falta de carga de traballo.
Pola súa parte, o conselleiro de Industria respondeu á deputada nacionalista que a Xunta “non ten responsabilidades” e que debe ser o Fondo de solvencia e o goberno do Estado o que actúe ao que a nacionalista replicou que dende a crise de 2008 a construción naval en Galiza sofre continuos vaivéns ante a falta de compromiso e plans industriais do Estado Español e da Xunta de Galicia. A función da Xunta nesta materia, criticou a deputada, foi “nula e incapaz” de por en marcha un plan de futuro para o naval galego como evidencia a perda de postos de traballo no sector.
Na provincia de Pontevedra, maioritariamente na Ría de Vigo no ano 2020, explicou a nacionalista, o sector perdeu o 26% do emprego e o 20% da facturación, e a previsión é que haxa máis perda de emprego ao longo deste ano. Esta situación agravouse coa Covid-19 e tamén pola complicada situación económica que atravesa Barreras, debido ao efecto tractor que ten este estaleiro nas empresas auxiliares.
Menos anuncios e máis barcos para Vigo
Deixen de anunciarnos que están traballando. Estamos fartos de que nas gradas de Barreras “vague a pantasma de Pemex”. En Barreras e en Vigo non queremos anuncios, queremos facer barcos, sentenciou a deputada.
Mentres en Alemaña ou Francia souberon promover a súa industria naval e como consecuencia copan hoxe unha boa parte do mercado mundial, eses países impulsan programas de apoio con 1.000M€ no caso alemán e 1.550M€ no caso francés. En contraposición a estas políticas, en Galiza “non contamos con información de que a Xunta de Galicia estea a traballar en proxectos para os estaleiros galegos”.
As administración, e nomeadamente a Xunta de Galicia, teñen que ter unha aposta decidida pola construción naval galega porque representa unha industria estratéxica e básica para o desenvolvemento industrial e económico do noso país e actúa como dinamizadora doutros sectores nas comarcas basicamente industriais de Ferrol e Vigo onde “Estaleiros Barreras é unha peza fundamental do seu tecido industrial”.
Carme González lamentou o “desleixo” do conselleiro e a falta de compromiso do goberno galego coa construción naval do Estaleiro Barreras así como a industria auxiliar e negou as afirmacións do conselleiro sobre o apoio da Xunta ao sector naval e a industria auxiliar en Galiza. Iglesias volveu a preguntar a Conde que vai facer a Xunta para garantir a carga de traballo na ría de Vigo e o futuro de Barreras. “A Xunta debe entrar nos consellos de administración dos estaleiros e nomeadamente no de Barreras para controlar que os fondos serven para a viabilidade e tranquilidade das auxiliares preocupadas pola devolución dos fondos á Xunta de Galiza”.