BNG pide ao Goberno que cumpra a orde de Interpol de detención 19 persoas por crimes franquistas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou esta mañá en rolda de prensa a proposición non de lei sobre o cumprimento da orde de detención preventiva cursada por Interpol con fins de extradición das 19 persoas reclamadas pola Xustiza arxentina, e imputadas por crimes contra a humanidade cometidos durante a dictadura franquista e a súa posta disposición do Xulgado Central de Instrución da Audiencia Nacional.

Trátase dunha iniciativa conxunta asinada por diversas formacións do Congreso, entre elas o BNG xunto con ERC, Amaiur, PNV, Geroa Bai, Compromís e Izquierda Plural.

O Goberno español obstaculiza o proceso

A proposición insta ao Goberno español a cumprir de imediato a orde de detención preventiva cursada pola Interpol con fins de extradición das 19 persoas (entre elas Martin Villa, Utrera, Alfonso Osorio) reclamadas pola Xustiza arxentina. É preciso lembrar que o pasado 4 de novembro a Interpol Arxentina notificou á xuiza María Servini, a xuiza que investiga a única causa aberta no mundo contra crimes do franquismo, que remitira á oficina de Madrid unha comunicación urxente solicitando a imediata detención preventiva dos 19 imputados, entre os que están ex Ministros da dictadura.

O 12 de novembro o Ministro de Xustiza adiantou que o estado español denegará a entrega a Arxentina destas persoas reclamadas pola Xustiza arxentina, baixo o argumento de que “os delitos que se lles imputan están prescritos en España”.

Precisamente na súa intervención, a deputada do BNG puxo de manifesto que “o Goberno español ten o deber de cumprir a lei xa que a lei é moi clara”. Nese sentido, refereriuse á Lei de Extradición Pasiva do ano 1985, así como a unha serie de recomendacións da ONU “din que se hai orde de detención debe procederse á detención das persoas reclamadas e poñelas a disposición da xustiza”.

Ademáis, recalcou, “os crimes de lesa humanidade non prescriben e parécenos incrébel que nun estado que se dí democrático a estas alturas, corenta anos após, no se xulguen os crimes cometidos no franquismo”.

Rosana Pérez denunciou que o Goberno español “non só está incumprindo a lei senón que está a ter unha actitude absolutamente anti democrática e o máis grave, que conculca os dereitos humanos porque hai miles de vítimas e familiares que siguen reclamando xustiza e a reposición da legalidade e da memoria”.

Explicou na rolda de prensa que o BNG se sumou á Querela “presentando denuncia propia pola persecución á que se someteu ao nacionalismo galego na dictadura franquista”.