BNG pide ao Goberno ampliar a 24 meses as axudas do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura pola paralización temporal
Carme da Silva pregunta ao executivo se solicitará á Unión Europea a ampliación de 12 a 24 meses as axudas por período de inactividade ante a drástica redución da produtividade que está a afectar ao conxunto do sector mar-industria
O BNG propón incrementar a porcentaxe destinada á partida de axudas das paradas temporais
Carme da Silva, senadora do BNG, vén de rexistrar iniciativas para coñecer a disposición do Goberno do Estado para demandar á Unión Europea a ampliación do tope de 12 a 24 meses para percibir as axudas do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura. A frente nacionalista sinala que, tanto a paralización temporal da actividade como a redución da produtividade, están a afectar de forma negativa ao conxunto do sector mar-industria, tan importante na Galiza.
A organización nacionalista, e tamén o sector pesqueiro da Galiza, considera fundamental que o Goberno solicite á Comisión Europea que aumente a 24 meses o período de inactividade a cubrir en base a estes fondos. A baixa produción e a situación de constantes paralizacións na actividade pesqueira precisarían dunha ampliación do tope de 12 meses que estabelece a Unión Europea para as axudas do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura que concede á paralización temporal.
“O sector pesqueiro galego atravesa unha crise grave derivada de múltiples factores, como os brutais recortes pesqueiros impostos polas vedas da UE prohibindo pescar en 87 zonas -espazos vetados sen ter toda a información necesaria para facelo-, o incremento dos prezos dos combustíbeis, as desfeitas causadas polos últimos temporais e actividade humana e industrial nas Rías galegas cun serio impacto na produtividade do marisco ou a falta de relevo xeracional entre outros moitos, e que poñen en risco o futuro dun sector clave na Galiza” afirma a senadora do BNG. Os problemas para faenar con normalidade, evidencia da Silva, multiplícanse e cada vez son máis habituais as paradas na actividade.
Por exemplo, nos últimos catro anos, a campaña de libre marisqueo na ría de Arousa foi de mal en peor. No 2020, os propios mariscadores cualificaron a campaña de desastrosa e tivo que ser pechada anticipadamente. En 2021, continuou a sangría de embarcacións e o abandono dos bancos. En 2022, aínda que a Consellaría do Mar afirmaba a existencia dun “recrutamento récord de berberecho nos Lombos do Ulla”, a escaseza de recurso precipitou de novo o peche dos bancos con moita antelación. E, en 2023, a campaña durou apenas unhas semanas por falta de bivalvo.
“O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación debe atender a demanda do sector pesqueiro galego de aumentar a 24 meses o período de inactividade para percibir as axudas do Fondo Marítimo de Pesca e Acuicultura dado que cada vez son máis habituais as paralizacións na actividade pesqueira. Por este motivo, ten que dirixirse á UE e solicitar a ampliación e mesmo aumentar a porcentaxe destinada á partida das paradas temporais” afirma Carme da Silva.