BNG pide ao Estado e a UE compensacións para a flota galega ante o veto á pesca de artes de fondo no Atlántico Nororiental
Rosana Pérez cualificou de “despropósito” a decisión da Unión Europea con graves consecuencias para os intereses da flota e o sector pesqueiro galego
Critica a inacción da consellería do Mar e pide que actúe para impedir despezamentos e perda de postos de traballo
A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez defendeu hoxe na Cámara galega, a través dunha proposición non de lei, “medidas compensatorias ao Estado e UE polo veto da pesca de artes de fondo en 87 caladoiros” no Atlántico Nororiental, tras a decisión da Comisión Europea de prohibir esta actividade.
O grupos parlamentarios do Partido popular e socialista anuncian o seu voto favorable á proposta do BNG.
Na súa intervención, Rosana Pérez lembrou que a prohibición entrou en vigor o pasado 9 de outro e “o grave problema persiste” aínda que xa non sexa noticia nas portadas dos medios de comunicación.
A portavoz de pesca do BNG, cualificou de “despropósito” da Unión Europea unha decisión que prexudica gravemente á pesca galega e lamentablemente, dixo, “chove sobre mollado” porque o Estado non defende os “intereses galegos nin ao sector pesqueiro” ao que sumou unha postura errática por parte da Xunta limitándose a exixir e elaborar informes que dende o BNG, afirmou, solicitamos reiteradamente e “aínda non nos deron”.
A Xunta, engadiu, “ non foi quen de asumir a súa responsabilidade nin poñer en marcha medidas que palíen a situación” e o que máis chirría é que a propia consellería do Mar anunciou un recurso en varias ocasións para finalmente “pedirllo ao Estado” e elaborar máis informes para que o presentara o sector.
“É o de sempre” recalcou Rosana Pérez, é como sei estiveramos ante “un guión xa escrito da que todos e todas sabemos o final”. Pasou no Brexit, onde o palangre de fondo do Gran Sol foi prexudicado con 96 buques e 1.500 mariñeiros que tiveron que buscarse a vida. Nese momento, a Xunta “tampouco estaba nin se lle agardaba”.
Aprobaramos no Parlamento Galego por unanimidade “instar á Xunta a programar e levar a cabo plans de continxencia e de apoio económico e social para o sector pesqueiro e as zonas máis afectadas polo acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea e xa vimos o resultado.
Segundo o propio sector, explicou a nacionalista, as perdas dos barcos galegos que pescaban nos caladoiros británicos superaron os 9 millóns de euros, só no 2021. E aquí aprobáronse iniciativas pero a Xunta “nunca as levou a cabo e o sector non só perdeu posibilidades de pesca naquel momento se non que sigue afectada polas negociacións anuais e a expensas do que pase despois do 2026”.
Repetiuse o mesmo Modus operandi durante a pandemia da Covid. “Anuncios, informes, propaganda e ata unha convocatoria para o sector marisqueiro de 5,2 millóns de euros, dos que acabaron concedendo 142.000 euros.”
Na actualidade e ante a maior crise de prezos , acontece o mesmo. “Cansámonos de pedir medidas de choque e medidas urxentes que paliaran as consecuencias da suba dos carburantes e das materias primas, cansámonos de traer propostas que foron rexeitadas sistematicamente polo PP. E que fixo a Xunta?: O de sempre, promesas, propaganda e pouco máis”. Anunciaron no mes de marzo un “paquete de medidas”. Anunciaron que o sector pesqueiro e marisqueiro aforraría 1,5 millóns de euros en 6 meses de taxas portuarias e aínda agora, 9 meses despois, non foron capaces de poñer esa medida en marcha.
Agora tócalle á frota de artes de fondo. E que están a facer as institucións? E a Xunta?
A deputada respondeu que a propia conselleira de Mar confirmou que entre as lonxas de Vigo, A Coruña, Ribeira, Burela e Celeiro, suman unha caída de 1.000 toneladas de peixe dende a aplicación da prohibición. “Caeu a pescada, o rape, o xurelo, e o rapante”.
A decisión europea, reiterou, está a ser un verdadeiro golpe económico para a frota galega que, segundo os seus propios datos, deixou de ingresar 5 millóns de euros, “200.000 euros ao día”.
Por outra banda, explicou a deputada, o presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, explicou a deputada, afirmou que o veto pode ter un impacto anual duns 80 millóns de euros na facturación do sector e mesmo, “algunhas empresas do palangre están valorando cambiar de arte”.
A Xunta de Galiza, reiterou a nacionalista, debe reaccionar e esixir medidas á Unión Europea e ao Estado que compensen as consecuencias socioeconómicas derivadas dunha “decisión arbitraria e inxusta”. A Xunta debe facer o imposible para impedir que se produzan despezamentos e mantear os postos de traballo de aí a urxencia de medidas e un plan que reduza ao mínimo o grave impacto social e económico tras a entrada en vigor do veto da pesca de artes de fondo.