BNG pide “ambición” ao goberno para desenvolver integramente a Lei Ánxeles Alvariño
A deputada do BNG, Olalla Rodil instou ao goberno a desenvolver integramente a Lei Ánxeles ‘Alvariño, “unha lei pioneira sen precedentes en ningún outro país europeo aprobada por unanimidade no pasado mes de xullo do 2021, tras ser impulsada polo BNG. Pedimos ao goberno “ambición” para desenvolver todos os artigos da lei e de maneira especial “os factores de corrección para garantir unha igualdade real entre mulleres e homes na avaliación das súas carreiras investigadoras”, afirmou.
Na pregunta formulada á Secretaria de Igualdade, Susana Abella, a nacionalista avogou por “introducir a perspectiva de xénero en todas as políticas públicas en materia de ciencia e investigación, visibilizar o traballo das mulleres investigadoras e promover a incorporación das mulleres ao ámbito da formación en materias científicas e tecnolóxicas”.
Olalla Rodil reclamou a Xunta que cumpra co seu compromiso coas e cos investigadores galegos, (INVESTIGAL) para elaborar unha guía a “modo de mapa” co fin de reflectir os “factores de corrección nas diferentes convocatorias de I+D”, por parte da Administración pública e outras entidades e que se aprobe o III Programa de Muller e Ciencia porque o actual programa rematou no 2020, e co acordo parlamentario para avaliar un 3º plan para febreiro do 2021, pasou un ano e constatamos como “a Xunta incumpriu ese mandato legal”.
Para o BNG, dixo, que non se elaborara o Terceiro Programa de Muller e Ciencia, demostra “o pouco compromiso e nula vontade do Partido popular da Xunta “ para promover a igualdade e a perspectiva de xénero na ciencia e na investigación.
Por outro lado, lembrou que no primeiro programa de Muller e Ciencia, Galiza estivo sen programa entre os anos 2012 e 2016 pola inacción do Partido popular.
Dende o BNG, recalcou exiximos a publicación da guía para garantir a aplicación e desenvolvemento da Lei Ánxeles Alvariño en todos os centros de investigación e no ámbito da investigación e ciencia, tanto públicas como privadas, e a elaboración e aprobación do Terceiro Programa de Muller e Ciencia.
Rodil sumou a estas peticións, a dotación de recursos para a Unidade de Muller e Ciencia, creada no ano 2007 co fin de garantir as funcións para a que foi creada coma, entre as que destacou: o asesoramento, colaboración e promoción de políticas públicas para o fomento da igualdade das mulleres no ámbito da investigación e a ciencia, “un ámbito estratéxico para o presente e futuro de Galiza”