Parlamento Galego

BNG pide activar o Consello Asesor e Consultivo da Xuventude, que non funciona dende que foi creado hai once anos

Iago Suárez

Iago Suárez considera que ben utilizado podería ser unha boa ferramenta para facer partícipe á mocidade das políticas que lle afectan

O deputado do BNG Iago Suárez denunciou no Parlamento a inactividade do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude dende que foi creado, hai xa case once anos, como “órgano colexiado de participación, representación e consulta das políticas pública en materia de mocidade”.

“Isto é un claro exemplo de facer que se fai”, recriminou Suárez á directora xeral de Xuventude, Lara del Carmen Meneses, durante o debate dunha pregunta en comisión na que criticou que este organismo -­̣­­­recollido na Lei de Xuventude de 2012 desenvolta neste punto en maio de 2014 coa publicación no DOG do decreto que o regula-  “nunca funcionou nin serviu en ningún momento para cumprir ningún dos obxectivos que a propia Xunta se marcou coa súa creación”.

O deputado nacionalista enumerou un por un os once obxectivos do Consello recollidos no decreto e todos incumpridos.  Obxectivos como emitir os informes que afecten á xuventude, analizar a situación da mocidade no País para facilitar a toma de decisións, informar periodicamente ao Parlamento da súa actividade, ou elevar propostas de acción á consellería competente. Así se recollía nunha páxina web do consello que, tal e como denunciou Suárez, se desactivou o mesmo día en que se rexistrou a iniciativa do Bloque.  

O  responsable de Mocidade no grupo nacionalista,  aproveitou a pregunta á directora xeral para reclamar á Xunta en mans do PP que active o organismo pois  “ben utilizado podería ser unha ferramenta moi útil para deseñar xunto co tecido asociativo xuvenil do país as políticas destinadas á mocidade”.

“A Xunta do PP fai políticas para a mocidade sen a mocidade”, afeou o deputado, demandando un xiro no enfoque das medidas pensadas para a mocidade, pois o Goberno de Rueda “só se dedica a sacar bonos inútiles -bonos por un tubo, ironizou- mentres denega sistematicamente iniciativas sensatas do BNG” como reactivar o consello, alternativas de lecer e para facilitar a mobilidade da mocidade ou crear un plan de emancipación integral.