BNG pide un acordo para resolver a conflitividade na CRTVG, con máis de 200 demandas gañadas polo persoal e 40% de temporalidade
A deputada do BNG, María Albert emprazou ao director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo a chegar a un acordo co Comité intercentros, forzas sindicais e conxunto de traballadores co fin de resolver a “conflitividade laboral na Corporación da Radio e Televisión de Galiza” ante as decenas de sentenzas condenatorias por vulneración dos dereitos laborais e o 40% de temporalidade.
A nacionalista afirmou que “dende hai vinte anos os xulgados están a facer o cadro de persoal da CRTVG”, a través de máis de 200 demandas gañadas polo persoal.
A deputada explicou que o pasado 14 de febreiro, o TSXG ratificou un ditame contra a CRTVG por despedimento improcedente advertindo que a traballadora encadeou máis de trinta contratacións temporais “en fraude” e certifica más de doce anos como persoal dos medios públicos con 150 contratos, unha media de un por mes.
Por moito que se empeñen en afirmar que o persoal é o que configura os medios públicos a realidade, dixo é que “levan 13 anos pasando por riba dos dereitos dos traballadores e das traballadoras”.
O persoal, recalcou Albert, debe acudir á xustiza para que sexa recoñecida a “indefinidade” da súa relación coa empresa e cualificou de “incomprensible” que a CRTVG continúe co 40% do persoal temporal.
A nacionalista emprazou ao Director Xeral da CRTVG a comprometerse para resolver a conflitividade laboral ao que Sánchez Izquierdo respondeu que o único compromiso que hoxe pode facer a dirección da CRTVG é minimizar os danos a un colectivo de profesionais de 270 persoas.
A deputada recalcou que a conflitividade na CRTVG constata que non están a ser respectados os dereitos dos traballadores e incide na imaxe pública da empresa polo que preguntou ao titular da compañía si lle parecía que estaban xestionando unha política laboral axeitada cando o propio Sánchez Izquierdo confirmou que no ano 2021 foron empregados máis de setecentos mil euros en conflitividade e “36 M€ en total dende a súa chegada”.
A Dirección da Corporación da CRTVG mantén a día de hoxe un conflito aberto co Comité intercentros, as forzas sindicais e o conxunto de traballadores e traballadoras, “un conflito público que está todos os días nos medios de comunicación”, recalou.
Estamos ante “un esperpento” de sentenzas demoledoras contra a CRTVG e o conflito debe ser “arranxado”, e sería moi estraño pensar que tras un acordo para unha OPE negociada, agora non se peche ese acordo por unha cuestión de orgullo. “Demandamos a aplicación dese acordo e chegar a unha conciliación” porque se abre unha oportunidade para arranxar unha problemática estrutural na xestión do persoal e precariedade laboral. “Deixen que prime a sensatez e aproveiten a oportunidade”, concluíu.