BNG pide abrir o Pazo de Meirás e que a primeira actividade sexa unha homenaxe ás vítimas da represión
O parlamentario do BNG, Luís Bará lembra que desde o pasado 10 de decembro o Pazo de Meirás permanece pechado, circunstancia, que na súa opinión, “vulnera a lexislación vixente en materia de Patrimonio cultural”. A finais do mes de xaneiro, engade o nacionalista pospúxose o acceso aos espazos públicos por mor da situación sanitaria pero hoxe en día, e despois de catro meses, “da entrega das chaves non ten xustificación o seu peche”, afirma.
Ante esta situación, o BNG propuxo no Parlamento galego tres medidas concretas: “a apertura inmediata do Pazo de Meirás nos seus espazos exteriores, que a primeira actividade prevista para o mes de abril sexa unha grande homenaxe pública a todas as vítimas da represión e espolio así como as entidades e persoas que loitaron pola recuperación do Pazo como mostra de recoñecemento e dentro do debate sobre os usos de Meirás, estudar a posibilidade de convertelo nun grande centro internacional de divulgación, investigación e defensa dos valores democráticos e dereitos humanos, fronte as ditaduras e os fascismos”.
Para o deputado do BNG urxe abrir os espazos exteriores do Pazo de Meirás co fin de acadar a apropiación cidadá e polo simbolismo do lugar.
Neste sentido, cumpre lembrar que o BNG levou ao Parlamento galego diferentes iniciativas para a recuperación do Pazo de Meirás e polo seu uso público así como de reparación das vítimas da ditadura e contra o espolio que supuxo a usurpación deste ben patrimonial ao seu lexitimo dono, o pobo galego.