O BNG pide 25 millóns de euros máis para políticas de rehabilitación e vivenda
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visita a Fundación Laboral da Construción e anuncia iniciativas contra os recortes do Partido popular en políticas de rehabilitación e vivenda
Goretti Sanmartín pide restituír a concellaría da Cidade Histórica posta en marcha polo BNG e suprimida polo Partido popular e Compostela Aberta
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, realizaron hoxe unha visita á Fundación Laboral da Construción ao fin de coñecer o labor formativo de profesionais con metodoloxías que favorecen o uso de materiais e recursos propios así como a rehabilitación do patrimonio arquitectónico.
A portavoz nacionalista criticou que a Xunta de Galiza recorte en políticas de rehabilitación, até un 40% nos últimos dez anos, e anunciou que o BNG presentará emendas aos orzamentos, que serán debatidos proximamente no Parlamento galego, co fin de destinar “25 Millóns de euros máis para políticas de rehabitalización e vivenda” así como unha partida concreta para Santiago de Compostela onde nos últimos anos non foi construída ningunha vivenda pública.
Ademais, a portavoz do BNG lanzou outra proposta que será defendida en forma de iniciativa parlamentaria para “reactivar a demanda da transferencia a dos activos inmobiliarios do SAREB”. 1.500 activos inmobiliarios, explicou Pontón, procedentes “dunha banca que nos costou 9.000 M€ rescatala”. Dende o BNG, cremos que eses “activos deben reverter á sociedade en materia de vivenda pública destinada ás persoas con máis dificultades para acceder a unha vivenda”.
Trala reunión co xerente da Fundación, Fernando García Novoa e visitar ás aulas e talleres, a portavoz nacional do BNG destacou o importante labor de formación que desenvolve a Fundación Laboral da Construción no ámbito da recuperación de espazos para o patrimonio, “ espazos rehabilitados que aportan unha maior calidade urbana e resultan un importante nicho de emprego”
SANMARTÍN PROPÓN RECUPERAR A CONCELLARÍA DA CIDADE HISTÓRICA CREADA POLO BNG, ELIMINADA POLO PARTIDO POPULAR E COMPOSTELA ABERTA
A candidata do BNG, á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín lembrou que o BNG puxo en marcha unha concellaría da Cidade Histórica que foi eliminada polo Partido popular e Compostela Aberta e agora, explicou, o borrador do Plan especial recomenda a súa recuperación. Por outra parte, tamén acusou ao goberno municipal de Santiago de “deixar morrer” a Oficina de Rehabilitación polo que propuxo a súa restitución.
Para Sanmartín, a Fundación Laboral da Construción “é un referente” en políticas de rehabilitación e ofrece un gran número de cursos de formación para persoas desempregadas. Neste sentido, suliñou que no ano 2017 máis de 1.300 persoas participaron dos cursos e en Santiago de Compostela, máis das 5.000 persoas desempregadas, 400 pertencen ao sector da construción e criticou que “o concello deixara sen executar máis de 1 millóns de euros en políticas de formación de emprego”.
O propio lugar onde se ubica a Fundación, dixo, Goretti Sanmartín representa “o exemplo de rehabilitación dunha curtiduría” polo que demandou a recuperación de curtidurías existentes en Santiago para que a súa rehabilitación serva para dar a coñecer o valor destes edificios, os seus elementos e oficios, “referentes en Santiago de Compostela”, concluíu.