O BNG pediu xa en xuño ao Goberno unha tarifa eléctrica reducida para Alcoa

O BNG reaccionou con antelación ao problema da planta de Alcoa en San Cibrao, presentando xa o 8 de xuño unha proposición non de lei demandando ao Goberno unha tarifa eléctrica para grandes empresas industriais que garanta a súa actividade como é o caso de Alcoa na Galiza.

Desde entón, e á luz das informacións que acabamos de coñecer, puntualiza Jorquera, “é evidente que nen o Goberno central nen a Xunta se preocuparon por solucionar esta cuestión que ameaza con converter a Galiza nun grande deserto industrial. De novo, como sucede co sector naval, estamos ante unha Xunta e un Executivo central que aparentan facer pero non fan nada a pesar de que se comprometeron a dar unha resposta a finais de agosto”.

Alcoa precisa saber se vai dispór dunha tarifa enerxética competitiva antes do 5 de outubro, una prazo relacionado cos prazos para pechar os contratos cos seus clientes para o vindeiro ano. Onte houbo unha xunta en San Cibrao e esas son as informacións que trascenderon.

Na proposición non de lei do BNG tamén se plantexa que se condicionen as medidas a evitar a deslocalización destas industrias, ao mantemento do emprego e das condicións socio-laborais, tanto da empresa principal como nas auxiliares.

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta explica na proposición non de lei que a “incerteza sobre o desenvolvemento normal da actividade nos centros de Galiza, San Cibrao e A Coruña, garda relación cos custes enerxéticos xa que supoñen entre o 35 e o 40% da producción de Alcoa na Galiza. Sen esquecer que este ano remata o contrato de subministro eléctrico que a empresa mantén cunha distribuidora”.