BNG pedirá no vindeiro pleno do Parlamento galego a “reprobación” e “cese inmediato” do director xeral da CRTVG
A deputada do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG “reprobará” e pedirá o “cese inmediato” do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo no vindeiro pleno do Parlamento galego.
A través dunha pregunta parlamentaria sobre o dereito de reunión do persoal da CRTVG e a negativa da dirección a aceptar o exercicio deste dereito, Olalla Rodil acusou ao máximo responsable do medio público, Alfonso Sánchez Izquierdo de ser “refén político do Partido popular” e conducir ao persoal da CRTVG a unha situación límite como constatan 254 Venres negros e varias convocatorias de folga.
Rodil xustificou o “cese inmediato” por que vostede dixo, “ está fóra de tempo” e ao PP non lle dan os números para cumprir a súa propia lei. Desta maneira, recalcou, mantén unha situación “anómala e antidemocrática” amparada por unha Dirección Xeral “nomeada a dedo” e non por maioría parlamentaria como esixe a lei, denunciou.
Catro folgas durante o mandato de Sánchez Izquierdo
A nacionalista explicou que A CRTVG foi creada no ano 1984 e comezou a emitir un ano despois, o 24 de xullo de 1985. Os medios de comunicación públicos de Galiza teñen polo tanto 39 anos e ao longo destas catro décadas, convocáronse 7 folgas .”Sete folgas en 40 anos. E 4 delas no seu mandato” .
Tras lembrar a folga de Novembro de 1990 contra a reconversión encuberta da cadea , 2005 contra as condicións laborais, 2011, contra a reforma da lei de medios pactada por PSdeG e PP, 2018 contra a manipulación informativa cun Telexornal informal na Praza do Toural cuxos presentadores foron obxecto de represalias e expedientes disciplinarios, confirmados polo propio director Xeral en resposta a unha pregunta na Comisión de Control da CRTVG. Este ano, o 6 de marzo deste ano tivo lugar unha nova folga ante os abusos e vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras.
A xuízo da deputada nacionalista e ante os datos mencionados, considerou que persoal e comité intercentros “non usan a folga á lixeira” e o grao de deterioro da situación dos medios públicos durante os últimos anos é “innegable”.
As folgas, reiterou Rodil foron convocadas por vulnerar os seus dereitos profesionais e o “veto permanente do Partido Popular ao Estatuto profesional e Consello de informativos” ao que sumou a apertura de expedientes por parte da dirección da CRTVG para perseguir traballadores que” non tragan coa manipulación e o abuso de poder”. Nesta liña, lembrou a sentenza firme TSXG a favor de Carlos Jiménez e os expedientes abertos no seu día contra Tati Moyano e Alfonso Hermida no ano 2018; e contra Alfonso Hermida e Ana Pérez no 2011.
Ademais, dixo, estamos ante traslados forzosos de profesionais nas últimas semanas, dun posto de traballo a outro sen previo aviso e despois de amosarse críticos coas decisións dos xefes, a este respecto puxo como exemplo a prohibición de informar sobre o IPC que sube máis en Galiza que na media do estado ou que Feijóo prometeu unha Lei de vítimas do terrorismo que non fixo.
Esta situación é “inaceptable” pero os traballadores e traballadoras non teñen medo e a desesperación da dirección da CRTVG é tal que mesmo chegou a prohibir que o persoal puidera reunirse nunha sala de San Marcos. Asemade, continua “intentando desprestixiar a todo o mundo acusándoos de ser do Bloque ou facer parte dun contubernio trumpista, incluído o Colexio de Xornalistas”, porque vostedes “xa non respectan NADA DE NADA. Nin a profesión”.
A TVG retransmite o Desfile da Hispanidade pero non a Gala dos premios de teatro María Casares
Por outro lado, Olalla Rodil criticou a manipulación informativa e falta de pluralidade política nos servizos informativos e ante a celebración da XXVII gala de premios de Teatro María Casares, celebrada onte en A Coruña, preguntou porque a TVG non retransmite esta gala ao que o director da CRTVG respondeu porque “ten moi pouca audiencia”. Olalla Rodil rexeitou a resposta de Sánchez Izquierdo e volveu a preguntar porqué a Gala de Teatro María Casares Non e o Desfile da Hispanidade Si?
Coincidindo co debate da pregunta da deputada do BNG ao director xeral da CRTVG, un nutrido grupo de traballadores e traballadoras do medio público manifestaron as súas protestas e reivindicación ás portas do Parlamento galego e volveron a reclamar a restitución dos dereitos laborais e uns medios públicos que cumpran co espírito da lei de creación atendendo á premisa de seren “un servizo público, unha ferramenta para a normalización lingüística e cultural” e facendo prevalecer “a pluralidade política”. Os traballadores e traballadoras anuncian novas mobilizacións contra o que consideran “vulneración de dereitos” e unha radio e televisión galegas ao servizo dos intereses do Partido popular.