BNG pedirá no Parlamento que non se reduzan horas de atención primaria en Castrelo do Val
A deputada por Ourense, Noa Presas, rexistrou iniciativas no Parlamento Galego diante do coñecemento de que o SERGAS valora a posibilidade de reducir as horas de atención do centro de Saúde de Castrelo do Val e deixala presuntamente en 3 horas. Esta é a información que circula na localidade e desde o BNG demandan da Xunta de Galiza que comprometa o mantemento do servizo e garanta que se vai manter a atención sen reducir horas ou días de asistencia.
A nacionalista recorda que “Nos últimos meses o Sergas reduciu, eliminou ou deixou sen cobertura diferentes prazas en poboacións rurais e temos un exemplo moi cerca, no PAC de Viana do Bolo aínda non se cubriu a praza médica que quedou vacante despois do concurso de traslados”. Ao BNG preocúpalle que “o Partido Popular está aproveitando a pandemia para clausurar a Atención Primaria e impoñer a telemedicina, para dinamitar a atención primaria no rural e crear veciños de primeira e de segunda recuperando algúns servizos só cando a poboación protesta, polo que queremos advertir que non imos consentir que se reduza a atención horaria en Castrelo. Cómpre sinalar que a poboación de Castrelo do Val ten, como é característico da zona de Monterrei e de Ourense, unha alta taxa de poboación avellentada, o cal ten como consecuencia a prevalencia de perfís pluripatolóxicos cuxa condición impide habitualmente o seu fácil desprazamento e implica habitualmente unha asiduidade aos servizos médicos e a necesidade de seguimento do paciente por riba do que adoitan precisar outros perfís. Polo tanto, é preciso garantir unha atención próxima e para evitar desprazamentos maiores, xa que no caso das persoas que viven nas zonas máis altas, como Campobecerros, xa son importantes.”