O BNG pedirá no Parlamento Galego medidas na rede ferroviaría para evitar accidentes como o de Monforte
Olalla Rodil denunciou o “pésimo estado” da rede ferroviaria en Galiza pola falta de investimento e de partidas para o mantemento e coidado das vías
A parlamentaria do BNG lembrou todas as iniciativas que o BNG leva presentado neste ámbito e reclamou un ferrocarril “útil e seguro” para Galiza
A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, levará ao Parlamento Galego unha iniciativa para reclamar medidas na rede ferroviaria que eviten accidentes como o de onte en Monforte. Rodil sinalou que “o descarrilamento do tren Monforte-Ourense ao seu paso por Pantón é o exemplo do pésimo estado no que se atopa a rede ferroviaria no interior do país, especialmente en Lugo e Ourense, polo desleixo de Renfe, Adif e o Goberno español”.
Rodil apuntou que “en Lugo e Ourense padecemos as consecuencias de ter un tren do século XIX en pleno 2018 con pésimas conexións e frecuencias, como denunciamos hai unha semana desde o BNG coa #Trainmovie, mais tamén polo feito de contar con infraestruturas absolutamente obsoletas e en pésimo estado de conservación como puxo en evidencia o descarrilamento do tren á altura de Pantón”. O BNG leva moito tempo defendendo que Galiza precisa da modernización do seu sistema ferroviario, a mellora das infraestruturas e investimentos reais e efectivos que permitan atender as necesidades de mobilidade da poboación e tamén de mercadorías a través do tren.
Despois de anos de promesas incumpridas do Partido Popular, Lugo non conta con alta velocidade nin tampouco cunha liña electrificada; atópase practicamente illada por tren do resto do país (con conexións só a A Coruña e Ourense) e cun estado da infraestrutura absolutamente obsoleto. Como exemplo podemos observar o estado no que se atopan os 7 km da Pobra de San Xiao que levan máis dunha década en obras e aínda non están operativos ou o pantasma Porto Seco de Monforte, concibido como enclave estratéxico para o transporte de mercadorías por ferrocarril e que se mantén desde hai anos como un enorme solar abandonado.
O BNG defenderá no Parlamento Galego actuacións urxentes e medidas concretas para mellorar o estado do sistema ferroviario galego, sobre todo no interior, porque a veciñanza das nosas cidades, vilas e comarcas merece uns servizos de calidade que contribúan ao noso desenvolvemento socioecómico.