BNG pedirá explicacións a Transportes ante os continuos retrasos e deficiencias do tren durante o estío
As sucesivas xornadas de atrasos de trens están a provocar malestar entre as persoas usuarias que apostan por este medio de transporte
Aglomeracións e falta de información, denuncian as usuarias, mentres que a entidade ferroviaria continúa sen dar solucións
Carme da Silva, senadora do BNG, rexistrará unha batería de preguntas para solicitar actuacións contundentes por parte de RENFE que solucionen os problemas existentes
O Bloque Nacionalista Galego denuncia, máis unha vez, as continuas deficiencias do servizo do transporte ferroviario que se está a visualizar de maneira moi notable nesta época estival. A senadora do BNG, Carme da Silva, preguntará ao Goberno sobre as sucesivas xornadas de atrasos e caos que provocan malestar entre as persoas usuarias e demandará a posta en marcha de actuacións contundentes que permitan solucionar os problemas actuais, e non tan actuais, do servizo ferroviario.
“Renfe e o Ministerio de Transportes non poden botar balóns fóra e andar pasando a pelota entre eles e Talgo. Existe un problema, por resumir as sucesivas xornadas de atrasos e caos, e o Goberno debe solucionalo” subliña a senadora do BNG. Para a organización nacionalista, a época estival está a provocar que se materialice, máis aínda, o que vén denunciando en reiteradas ocasións a respecto do servizo de transporte ferroviario: unha eiva na planificación do servizo e falta de investimento para a modernización da rede.
Desde a posta en marcha dos servizos Avril de Renfe, estes tiveron un desempeño catastrófico con incesantes avarías e retrasos a diario que se suman ao baixo nivel de comodidade. “O último dos casos é o sucedido esta semana no tren destino Madrid, Chamartín-Clara Campoamor onde as persoas usuarias estiveron atrapadas por máis de dúas horas sen electricidade, aire acondicionado e mesmo sen información” lamenta a senadora nacionalista. Esta situación tivo repercusións negativas a máis de 11.000 persoas viaxeiras.
As declaracións de Renfe, para Carme da Silva, continúan a ser iso: “unha mera declaración de intencións afirmando que levará a cabo un informe de fiabilidade sobre a operación global da Serie 106 de Talgo”. En opinión da senadora do BNG, o Ministerio de Transportes e, en consecuencia, Renfe deben de tomar de forma inmediata as actuacións precisas para que o servizo se ofreza de maneira eficiente e eficaz e eliminar, por fin, as graves incidencias que se están a producir de forma reiterada.