O BNG pedirá a comparecencia de Rueda para que dea explicacións da estafa no sobreprezo do Álvaro Cunqueiro

Montse Prado
A deputada Montse Prado acusa o Partido Popular de mostrar a súa peor faciana ao servizo dos poderosos e esíxelle rematar con esta estafa planificada

O BNG reclamará a comparecencia no Parlamento do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que dea explicacións sobre o proceso de adxudicación e o sobreprezo do Hospital Álvaro Cunqueiro.

 

Farao este mércores na reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galiza convocada despois de ser solicitada de urxencia polo Bloque Nacionalista Galego ao coñecerse o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do hospital vigués publicado polo Consello de Contas,  no que se constata un custo adicional de 470 millóns de euros na súa construción.

 

A portavoz de Sanidade, Montse Prado asegura que “o presidente da Xunta ten que dar conta das medidas que vai tomar para rematar con esta estafa planificada e executada polo Partido Popular” a quen acusou de ter mostrado “a súa peor faciana ao servizo dos poderosos e dos sectores económicos a conta da saúde e dos petos dos galegos e das galegas”.

 

Para Prado, o modelo sanitario do PP é un modelo “asentado en converter en negocio a atención sanitaria a beneficio das empresas privadas de fóra de Galiza, de fondos de investimento que parasitan máis e máis o noso sistema sanitario”.

 

A deputada nacionalista denuncia ademais “unha redución da superficie hospitalaria que ten incidencia tanto na fase de construción da infraestrutura como no custo da prestación dos servizos, sen que se reducise o prezo do contrato”.

 

Advirte que a fórmula de actualización contida no prego “non distinga un importe fixo  destinado a recuperar os custos da construción do hospital e pola contra lle aplique un importe variable de revisión de prezos que só debería ser aplicado aos custos de explotación da prestación dos servizos”.

 

Desde o BNG tampouco se entende que haxa un aumento continuado do canon que se estableceu nun custe máximo de 56 millóns e que no último ano fiscalizado xa ascendía a 71 millóns, nin que o Álvaro Cunqueiro sexa propiedade da concesionaria até 2035, xa que, segundo Prado,  isto permítelle “facer caixa”.

 

Todo isto sucede nun contexto no que xa se lle tiñan feito recortes aos salarios e ás condicións e aos dereitos dos profesionais, dereitos que  “aínda non foron recuperados”, advirte Prado. A redución de servizos e de camas fai que “miles de persoas da área sanitaria de Vigo non dispoñan de atención hospitalaria na sanidade pública e teñan que recibir asistencia na sanidade privada”, lamentou, para engadir que “unha das máximas preocupacións dos galegos e galegas é a situación do tremendo deterioro da sanidade pública, que está a xerar unha auténtica alarma social que se acrecenta con cada nova información que se coñece”, en referencia ao informe do Consello de Contas sobre a fiscalización da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, na que se constata o sobreprezo na súa construción.

 

Nun enfoque máis amplo de continuos recortes na sanidade pública galega, Prado asegura  con eses 470 millóns de euros o nosos sistema sanitario “podería ter renovado o parque tecnolóxico con 50 TACS, 89 resonancias magnéticas, 100 mamógrafos” así como ter contratados durante 20 anos a 250 médicos de familia.

 

É por iso que a celebración da Deputación Permanente, solicitada polo BNG, “é máis que imprescindible para que acorde a comparecencia do Presidente da Xunta e dea explicacións” sobre o prezo adicional que temos que pagar os galegos e as galegas, concluíu.