BNG participa nos actos da Diada de Catalunya como reforzo dos lazos co soberanismo catalán
Unha delegación do BNG, integrada polo secretario de Organización, Bieito Lobeira, pola coordinadora de Relacións Internacionais e portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e polo responsable de Relacións co Estado e director da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participa en Barcelona nos diferentes actos conmemorativos da Diada Nacional de Catalunya.
Con esta participación, o Bloque continúa reforzando os lazos de unión co movemento soberanista catalán e amosan o seu apoio ás distintas formacións soberanistas de esquerda -Esquerra e CUP- no dereito a decidir do Pobo catalán, como vén facendo desde hai anos, especialmente duros estes últimos pola represión, a cadea e o exilio para moitos representantes políticos.
A delegación nacionalista tamén participa, este serán, nos actos organizados pola CUP e rematará a xornada nun acto no Parlament de Catalunya. Ademais, Miranda, Lobeira e Cela mantiveron un encontro cos membros da agrupación local do BNG de Catalunya que seguen participando na loita activa do Pobo catalán como exemplo do apoio do Bloque ao dereito de autodeterminación.