O BNG participa nos actos conmemorativos da Revolución dos Cravos en Lisboa

O Bloque Nacionalista Galego participará mañá, 25 de abril, en Lisboa, nos actos conmemorativos do 39º aniversario da Revolución dos Cravos. A delegación do BNG, formada polo portavoz nacional, Xavier Vence, o secretario de Organización, Bieito Lobeira, e a eurodeputada, Ana Miranda, celebrará o Día da Liberdade convidada polo Bloco de Esquerda, nun momento en que asistimos a un ataque feroz da troika contra o consenso sobre a Democracia e mais o Estado Social construído en Portugal o 25 de Abril.

O propio xoves, ás 09.30h, a delegación do BNG participará nas conmemoracións oficiais na Assambleia da República, no Palácio de S. Bento, onde estará acompañada de Joana Mortágua, dirixente nacional e membro da Comisión Política do Bloco de Esquerda, e ás 13h reunirase coa coordinadora do Bloco, Catarina Martins, e co líder do Grupo Parlamentar do Bloco, Pedro Filipe Soares. Ás 15h, os nacionalistas sumaranse á manifestación con motivo do Día da Liberdade, que parte da Praça Marquês do Pombal.